Crónica del sur de Lugo

Os socialistas do Saviñao rexeitan a localización que a Xunta dará ao novo centro de saúde

Imaxe do espazo no que irá situado o novo centro de saúde do Saviñao. Os socialistas lamentan que esta elección suporá reducir o parque biosaudable e o platanar que hai nas inmediacións. (Foto cedida: PSOE O Saviñao)

Redución de espazos verdes e de lecer, exceso de humidade e problemas de estacionamento son algúns dos problemas que vai traer a futura ubicación do novo centro de saúde do Saviñao, segundo os socialistas deste municipio.

“EN CONTRA DA OPINIÓN DA MAIORÍA DOS VECIÑOS”
O voceiro desta formación, Celestino Rodríguez, referiuse á decisión da Consellería de Sanidade de construír o novo edificio no campo da Lama, “en contra da opinión da maioría de veciños”, que, segundo o socialista, “prefiren renovar as instalacións do actual ambulatorio”.

“ROMPE O URBANISMO DA CAPITALIDADE”
Rodríguez fixo esta valoración a mediados de marzo, xusto despois de que a Xunta adxudicara as obras de construción deste edificio. O voceiro socialista lembrou que o emprazamento no que irá o centro de saúde está destinado a usos deportivos. Rodríguez adiantou que, por este motivo, haberá que reducir o parque biosaudable e o platanar anexo, o que “rompería o urbanismo de Escairón e un dos centros de esparexemento e lecer dos veciños”.
O portavoz socialista no Saviñao alertou de que “non é aconsellable construír nesta zona porque no inverno fórmanse lagoas”, debido á proximidade do nacemento do río Pesqueiras, o que xera encharcamentos.
Outro dos motivos para rexeitar esta ubicación do centro de saúde é que está lonxe das farmacias. A isto, habería que sumar, segundo os socialistas, os problemas de estacionamento que suporá instalar o centro de saúde ao carón do colexio.
A agrupación socialista xa presentara varias iniciativas no Pleno para renovar o centro de saúde e evitar a nova construción, pero foron rexeitadas.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio