Crónica del sur de Lugo

O Courel e os Ancares convértense na maior reserva de turismo científico de Galicia

Representantes dos 16 Concellos do territorio Ancares-Courel, xunto ao deputado de Turismo, na entrega da certificación Espazo Observer, na sede da Deputación de Lugo, o 1 de marzo. GPDL

O Courel conta desde este mes cun elemento máis de promoción dos seus atractivos naturais. O conxunto da montaña Ancares-Courel vén de recibir a certificación Espazo Observer Turismo Científico, que respalda o potencial deste territorio como reserva científica. Deste xeito, a zona Ancares-Courel pasa a ser o maior espazo natural de estudo científico de Galicia, ao sumar 102.635 hectáreas con esta categoría, na que entran un total de 16 municipios lucenses, entre os que están Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Samos, A Pobra do Brollón, O Incio, Samos e Triacastela.

APOIO PARA O XEOPARQUE MONTAÑAS DO COUREL
O proxecto para acadar esta certificación iniciouno a Deputación de Lugo en agosto do ano pasado, cunha achega de 70.000 euros, que serviu para financiar a primeira fase desta iniciativa. Unha vez conseguida a certificación Observer, e segundo explicaron os responsables da Deputación logo da entrega do distintivo, vanse emprender unha decena de actuacións ata agosto de 2019, coas que impulsar a utilización dos recursos naturais e culturais para a divulgación científica.
O deputado de Turismo, Eduardo Vidal, salientou as oportunidades do turismo científico como “modelo para crear conexións” entre esta actividade económica e “a conservación da biodiversidade e a ciencia en espazos protexidos”. Vidal destacou tamén que este recoñecemento pode apoiar a candidatura do Courel a Xeoparque Mundial da Unesco, ao representar “un mesmo interese pola protección dos valores naturais desta zona”.•

• ANCARES- COUREL, ESPAZO OBSERVER
TURISMO CIENTÍFICO

•ÁMBITO DE ACTUACIÓN: 102.635 hectáreas entre Os Ancares e O Courel, que integra os concellos de Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais, Triacastela, Pedrafita do Cebreiro, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Baleira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz

•DENOMINACIÓN: Haberá que definir unha denominación común para este territorio, así como un órgano coordinador e un xestor ou responsable

•ACTIVIDADES: Creación dun grupo de traballo entre Deputación, Concellos, Universidade de Santiago e outros axentes vinculados aos recursos naturais. Elaboración dunha páxina web, un catálogo, cinco itinerarios temáticos e unha app. Posta en marcha dunha programación anual de turismo científico, un seminario para empresas do sector, e outro para formar guías e informadores turísticos

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio