Crónica del sur de Lugo

En marcha en Folgoso a terceira fase do plan piloto en Galicia para recuperar soutos tradicionais

O conselleiro do Medio Rural supervisou os traballos en Folgoso, acompañado pola alcaldesa, Lola Castro, e o presidente do GDR Ribeira Sacra-Courel, José Manuel Arias, o 4 de marzo. GPXG

• Folgoso do Courel está a ser o concello punteiro na posta en valor dos soutos tradicionais para o aproveitamento integral da castaña en Galicia. O plan de recuperación de terras que está a financiar a Xunta de Galicia nesta zona permitirá rescatar preto de 45 soutos, que ocupan unha superficie de 2.700 hectáreas. Con estas accións, a Consellería do Medio Rural quere iniciar un plan máis ambicioso, dotado con medio millón de euros, para gañar 30.000 hectáreas de soutos en toda Galicia, co fin de potenciar a produción de castaña.

AVANCE DOS TRABALLOS
A posta en marcha do programa en Folgoso está moi avanzado. O resultado dos traballos das dúas primeiras fases supervisouno o conselleiro do Medio Rural, José González, o 4 de marzo. A alcaldesa, Lola Castro, acompañou ao titular autonómico no percorrido polas parcelas que se están a recuperar. Nun primeiro momento, os técnicos procederon a identificar os soutos e as súas especies, ademais de realizar os estudos topográficos e redactar os correspondentes proxectos de obra. A continuación, leváronse a cabo as obras principais, coa roza das parcelas e a execución dos camiños de acceso. Dende a Consellería explicaron que xa comezou a posta en cultivo dos castiñeiros, cunha poda sanitaria e medidas de loita biolóxica.
APROVEITAMENTO INTEGRAL
O conselleiro lembrou que o plan abrangue o aproveitamento da castaña, a través dun modelo integral que inclúa a transformación na propia zona produtiva, de xeito que os veciños manteñan a propiedade, ao tempo que se fomenta unha xestión conxunta en cooperativas ou fórmulas asociativas. Neste sentido, González anunciou que este mes se vai convocar por vez primeira a Mesa da castaña. Ademais, adiantou que o plan prevé accións para impulsar o turismo especializado en torno ao aproveitamento deste produto. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio