O desfile de disfraces e o Oso de Salcedo marcan a axenda do Entroido na Pobra do Brollón

•No desfile do sábado haberá premios •As celebracións en Salcedo comezarán cun documental de Kepa Junquera e do ourensán José Antonio Blanco

O Oso de Salcedo reúne cada ano a decenas de visitantes. Arquivo EC

As celebracións do Entroido na Pobra do Brollón arrancaron con varios obradoiros ao longo de febreiro. Nestas actividades, que tiveron lugar na Biblioteca Municipal, os cativos elaboraron compadres e comadres, ademais de preparar os seus propios disfraces.
Dende o Concello tamén organizaron a cuarta edición do Concurso de Compadres e Comadres, repartindo premios nas modalidades individual e colectiva. As xornadas festivas remataron cunha chocolatada para a veciñanza na Casa da Cultura Olga Novo.

DESFILE CON PREMIOS O SÁBADO ÁS 17 HORAS
O Entroido na Pobra do Brollón terá unha cita coa diversión no desfile de disfraces, comparsas e carrozas, que se celebrará polas rúas da capitalidade o sábado 2 a partir das cinco da tarde, e amenizado pola charanga MIL9.
O Concello repartirá 3 premios en cada unha das modalidades de carrozas, comparsas de 15 persoas e comparsas de 5 a 14 membros, e 5 premios para as comparsas individuais e de 1 a 4 persoas. No caso dos participantes de fóra do municipio, haberá 3 premios para cada modalidade.
Ademais, todas as carrozas inscritas recibirán un mínimo de 40 euros, á marxe de que resulten ou non premiadas. A mesma medida aplicarase a todas as carrozas de 15 ou máis persoas, que recibirán un mínimo de 20 euros.

O Concello asinou en febreiro un convenio coa Asociación de Veciños de Salcedo, por 2.500 euros, para a celebración do Entroido desta parroquia. (Foto: Concello A Pobra do Brollón)

EVENTOS EN SALCEDO
Dentro do Entroido de Salcedo, o domingo 3 de marzo terá lugar, ás cinco, a proxección do documental «Mar de Terra», de Kepa Junquera, coa presenza do seu director, José Antonio Blanco. O documental, que serviu para abrir a XXIII edición do Festival de Cine Internacional de Ourense OUFF, presenta unha perspectiva «moi humana» dos Entroidos máis tradicionais de Galicia, entre eles o de Salcedo, dende a experiencia do músico Kepa Junquera, coguionista con Blanco desta peza audiovisual.
O mesmo domingo, ás seis, sairán as Madamas e os Danzantes, cos pasarrúas do grupo de gaitas Os Tocainas. Xa ás seis e media, chegará a quenda do pregón, da man do Tico da Cereixa, integrante dos Yellow Pixoliñas. O baile comezará ás oito, amenizado polo Dúo Camelia, e ás dez haberá unha sesión de teatro. A música e o baile voltarán ás doce e media, coa orquestra Os Trovadores.
A saída do Oso de Salcedo celebrarase o luns 4 de marzo, ás cinco, animada pola charanga Terras do Bibei. A xornada rematará cunha cea popular dende as dez, e o baile a cargo das orquestras Capitol e Israel.
A axenda festiva en Salcedo completarase o martes 5 de marzo. A partir das seis da tarde, terá lugar unha actividade para os máis cativos, da man de Peter Punk Pallaso, que animará a tarde infantil co seu espectáculo «Chungo que te cagas!», Premio do Público no certame MundoClown 2008. Para todos os públicos será a paellada coa que rematará a xornada do martes, a partir das nove da noite, completada coa actuación da orquestra Los Satélites. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Conta atrás para desfrutar do Entroido en Monforte

Seguinte Nova

Diversión para todos no Entroido de Bóveda

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: