Crónica del sur de Lugo

O teatro, unha alternativa de lecer para todas as idades en Chantada e Monforte

O grupo Teatreiras, de Monforte, na representación da obra “Cumprimento de contrato”. (Foto cedida)

Diversión, confraternidade, xogo ou sorpresas son algunhas das ganancias que dá o teatro afeccionado. Vantaxes que non entenden de profesións, clases sociais ou idades, xa que convencen a un público universal. Así o explica Paqui Abeledo, directora, coordinadora e auténtica “alma mater” de nada menos que 8 grupos de teatro, repartidos entre Chantada e Monforte. O que tamén está moi repartida é a idade dos participantes, dende os 5 ata os 85 anos. En Monforte, os dous grupos de teatro do colexio Novo, máis o do colexio A Gándara e o do IES A Pinguela están dirixidos por Abeledo, cos que traballa ao longo do curso, con ensaios dunha hora por semana, e atendendo sobre todo á obra coa que participan no consolidado Certame Municipal de Teatro que organiza o Concello. En Chantada, na Aula de Teatro do Espazo Xove preparan dúas obras por curso, de cara ao festival de Nadal e á actuación de peche de actividades en xuño, ademais de levar a obra á residencia de maiores ou ao Auditorio de Chantada. En total, algo máis de 60 rapaces e rapazas que se achegan “para compartir a diversidade no espazo lúdico teatral”, para o que só hai que ter “ganas, curiosidade e xenerosidade”.

Argalleiras, de Chantada, puxo en escea a obra “Comedia Bífida”. (Foto cedida)

TEATRO SEN FRONTEIRAS E PARA TOD@S
Que non hai idade para subirse ao escenario e divertirse demóstrano as preto de 30 persoas que, o curso pasado, formaron parte dos grupos de teatro para adultos Argalleiras de Chantada e Teatreiras de Monforte, este último con dúas formacións. Ademais de pasalo ben eles, consiguen trasladar a súa emoción a moitos públicos, como no caso de Argalleiras, que levou o humor de “A Comedia Bífida” a outras vilas fóra de Chantada, ao estar integrada no programa provincial Buxiganga de teatro afeccionado. Nesta mesma programación actuaron Teatreiras, que o curso pasado estiveron especialmente prolíficas, cun repertorio integrado polas obras “Cuestión de Equidade”, “Cumprimento de Contrato”, e unha adaptación da obra de Jacinto Benavente “Os intereses creados”.
Entre os actores dos diferentes grupos tamén se establecen alianzas interxeracionais, superando fronteiras de idade e de situación, e colaborando enriba das táboas a través de representacións conxuntas, como na obra “Lingua de Lata”, levada a escea no Auditorio de Chantada por Argalleiras e os rapaces e rapazas da Aula de Teatro do Espazo Xove.
As montaxes parten de obras adaptadas por Paqui Abeledo “segundo as características de cada grupo”, e tamén tendo en conta o lugar no que se vai representar. Sobre todo, apetecen as obras “divertidas, clásicas ou modernas, pero sempre con crítica social ou concienciación”, explica Abeledo, convencida de que as “bondades” do teatro “entusiasman a quen participa”, e ofrecen “un rato ben agradable” a quen se achega a velo.

BONDADES QUE CONSTRÚEN A CULTURA DAS VILAS E COMARCAS
“Co teatro todo son vantaxes”, apunta Paqui Abeledo, convencida de “contaxiar” a súa paixón e compartila co maior número de persoas. Só hai que dispoñer de dúas horas á semana, no caso dos adultos e do Espazo Xove, e unha hora nos escolares, para gozar cos ensaios e a preparación das estreas. E coa satisfacción de ser partícipes, sesión tras sesión, “da cultura que se xera no teu pobo, cidade ou comarca”. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio