Crónica del sur de Lugo

A Pobra presume de veciñanza e cultura na revista municipal «A Auga do Mollón»

A revista presentouse na Casa da Cultura Olga Novo da Pobra, o 16 de xaneiro. (Foto: Concello A Pobra do Brollón)

As iniciativas de dinamización que está a realizar o Concello da Pobra concretáronse este mes nunha nova publicación. A revista «A Auga do Mollón», editada polo Consistorio, presentou o seu primeiro número nun acto celebrado na Casa da Cultura Olga Novo o 16 de xaneiro.
Esta publicación arrancou cunha tirada de 1.000 exemplares, para distribuir polos fogares do municipio, e recolle nunha trintena de páxinas o lado máis tradicional da Pobra do Brollón, xunto a aspectos máis actuais, da man de varios colaboradores.

MARUXA DO RESTAURANTE AS VIÑAS, E ÁLEX E MARTÍN DO GRUPO LOS ÁRBOLES, PROTAGONIZAN AS ENTREVISTAS
A revista abre cun amplo editorial sobre as motivacións que fixeron nacer a publicación, que busca sobre todo «poñer en valor a identidade propia da Pobra do Brollón». As entrevistas dan voz a dúas miradas, a tradicional de Maruxa, do restaurante As Viñas, e a actual de Álex e Martín, do grupo musical Los Árboles. A literatura ten o seu espazo cos poemas de Olga Novo e Noa Moreira.
A miscelánea de contidos deixa espazo tamén para dar visibilidade á actividade municipal, con iniciativas como a posta en marcha do albergue solidario e a compostaxe comunitaria, ademais de facer un repaso da extensa axenda cultural e turística desenvolvida nos últimos meses.
Na publicación, Xurxo Ayán reflexiona sobre o papel clave das mulleres na zona, á que denomina «Guimaralia», a través dunha serie de perfís sobre mulleres guímaras.

TRABALLOS APORTADOS POR ESCOLARES E VECIÑOS
Os contidos do primeiro número complétanse con dúas colaboracións de escolares do CEIP A Pobra do Brollón, en torno aos brindos e os sequeiros, dúas chiscadelas sobre o achado arqueolóxico de «Atilano», e unha cantiga de cego composta por Suso 40. •

«A AUGA DO MOLLÓN»: UN TÍTULO VINCULADO Á TERRA E ÁS TRADICIÓNS

•A nova publicación editada polo Concello da Pobra toma o nome dunha fonte que hai preto do campo da feira: «A auga do mollón que alegra o corazón» •A vitalidade desta fonte pretende ser unha metáfora do dinamismo do municipio, recollendo as actividades realizadas no semestre, e como mostra «de todo o talento que hai na Pobra do Brollón». •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio