Licitadas en 337.000 euros as obras da nova rede de abastecemento na parroquia de Tribás

•O proxecto inclúe tamén a construción dun pozo de barrena e un depósito de auga

Presentación dos detalles do proxecto da rede de abastecemento de Tribás, co delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, a comezos deste mes. GPDTL

O ano 2019 comezou en Pantón con novidades en canto ás infraestruturas. O día 3 de xaneiro, a Xunta anunciou a licitación, cun importe de 337.000 euros, do proxecto de obra da nova rede de abastecemento que dará servizo á parroquia de Tribás.
O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, achegouse a Pantón para explicar á veciñanza os detalles do proxecto. Acompañado polo alcalde, José Luis Álvarez, o delegado precisou que a obra inclúe unha nova captación de auga mediante a execución dun pozo de barrena e a construción dun depósito de auga.
DETALLES DA OBRA
O pozo para a nova captación terá unha profundidade de 150 metros, cunha bomba somerxible no interior para impulsar a agua. No exterior, a obra rematarase cunha plataforma perimetral na boca do pozo, que irá cuberto cunha tapa de fundición.
En canto ao depósito, disporá dunha capacidade de arredor de 25 metros cúbicos, e terá un sistema de cloración. O control establecerase nun dos compartimentos da cámara de chaves, no que tamén se regulará a valvulería e todos os niveis sanitarios esixidos. No segundo compartimento instalarase o depósito do cloro.
Por último, a rede estará formada por tubaxes de alta densidade e manguiños de maior durabilidade. Ademais, un sistema de válvulas de peche permitirá sectorizar a rede, para evitar ter que cortar o servizo no caso de fugas. Tamén se instalarán bocas de rego. A obra completarase coa reposición dos firmes con rego asfáltico.

OBRAS EN 4 MESES TRALA ADXUDICACIÓN
O prazo de presentación das ofertas remata o 28 de xaneiro. Trala adxudicación e contratación, está previsto un prazo de catro meses para acabar as obras.
Balseiro destacou a importancia destes traballos, xa que Tribás non ten rede de abastecemento municipal, polo que os veciños recurrían a pozos particulares e captacións en mananciais. «Respondemos a unha demanda veciñal, pois queremos que as parroquias dispoñan de servizos de calidade», precisou. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sarria invita a degustar o porco e os seus produtos o 16 e 17 de febreiro

Seguinte Nova

O Merca e Gaña polo Nadal xerou un 18% máis de ingresos que o ano pasado

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: