Cinco proxectos en turismo, tecnoloxía, agroalimentario e benestar reciben os premios ao Emprendemento no Rural

A deputada de Promoción Ecómica, Sonsoles López Izquierdo, deu a coñecer a resolución dos premios, o 28 de decembro. GPDL

A finais de decembro, coñecéronse os nomes dos proxectos premiados na primeira convocatoria do Emprendemento no Rural, unha iniciativa da Deputación de Lugo para impulsar a creación de empresas na provincia.

O RURAL, “MOTOR XERADOR DE RIQUEZA”
Cunha dotación total de 50.000 euros en premios, este programa busca facer do rural o “motor xerador de emprego e riqueza”. A deputada de Promoción Económica, Sonsoles López Izquierdo, deu a coñecer o día 28 o nome dos cinco proxectos premiados, cada un con 10.000 euros, e que van xerar, a medio e longo prazo, arredor de 30 postos de traballo en entornos rurais. As áreas de acción das iniciativas premiadas son o turismo, a tecnoloxía, o agroalimentario e o benestar.

PROXECTOS PREMIADOS
A tecnoloxía aplicada ao sector lácteo centra a actividade de iTechTerm, un proxecto ubicado no núcleo rural de Arneiro, en Cospeito. A iniciativa, impulsada por dous estudantes de Veterinaria do Campus de Lugo e un enxeñeiro informático, consiste na instalación dun sensor subcutáneo en vacas de leite, para monitorizar a temperatura e poder detectar patoloxías e controlar o estado da cabana. O proxecto conta cun investimento inicial de 20.800 euros.
O agroalimentario tamén é protagonista de Almazara de Aceite, un proxecto unipersonal situado en Taboada, e que prevé a plantación de 10 hectáreas de oliveira e a instalación dunha almazara para producir aceite ecolóxico. O investimento ronda os 132.500 euros.
A empresa Radis, que parte cunha inversión de 21.000 euros, ofrecerá servizos de detección e eliminación de gas radón en edificios, ademais de desenvolver un sensor instalable nas vivendas, para monitorizar os índices de presenza do gas e poder actuar a tempo. Este proxecto aínda non ten sede, pero os promotores buscan situarse nun entorno rural.
Un antigo hotel en Rábade vaise aproveitar para abrir un centro residencial en réxime interno, para maiores con ou sen dependencia. A iniciativa, que conta cun investimento inicial de 300.000 euros, está liderada por unha emprendedora con máis de dez anos de traxectoria como arquitecta. O proxecto do Centro Residencial San Vicente busca ser un referente na comarca de Lugo “na atención persoal, próxima e de calidade”, tendo como eixo “o benestar e o coidado dos usuarios”.
Por último, o lugar de As Seixas, en Palas de Rei, acollerá unha cantina-albergue, na ruta do Camiño Primitivo de Santiago. O establecemento, impulsado por unha emprendedora, ofrecerá comida e aloxamento aos peregrinos, ao tempo que dá pulo á actividade de servizos na contorna. O proxecto conta cun investimento inicial de arredor de 160.000 euros. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Avalancha de solidaridade na campaña de Nadal do CB Sarria

Seguinte Nova

As visitas aos espazos da Rede Museística Provincial medraron un 3% en 2018

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: