Crónica del sur de Lugo

A Xunta investiu 35,6 millóns de euros en políticas activas de emprego na provincia de Lugo durante 2018

• O fomento da contratación e os programas formativos, eixos das accións do Executivo autonómico

José Manuel Balseiro, delegado da Xunta na provincia, presentou o balance de políticas de emprego o 2 de xaneiro. GPDTL

A comezos de xaneiro, deuse a coñecer o balance das políticas activas de emprego que a Xunta promoveu na provincia de Lugo en 2018. En total, o Executivo autonómico investiu 35,6 millóns de euros, que favoreceron a 5.204 lucenses.

O EMPREGO, “UNHA DAS METAS DA XUNTA PARA 2019”
O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, detallou as partidas autonómicas neste concepto, e destacou que “a mellora do emprego seguirá a ser este ano unha das grandes metas do Goberno galego”. A aposta centrouse en dous eixos, que foron o fomento da contratación e as actividades formativas.

INSERCIÓN LABORAL DE 2.279 LUCENSES
No primeiro caso, a Xunta investiu 27,5 millóns de euros en obradoiros de emprego, axudas de Medio Rural para a incorporación de mozos ao agro, fomento do emprego autónomo, liñas de apoio ao comercio e ao emprendemento empresarial, e programas de axudas a entidades locais. Dentro destas achegas para que os concellos poidan contratar, atópanse o plan Aprol Rural, os programas de contratación de socorristas ou de perceptores da Risga, entre outros. Todas estas accións serviron para contratar a 2.279 lucenses que estaban no paro.

AS AXUDAS A AUTÓNOMOS PERMITIRON 911 EMPREGOS
Balseiro precisou os resultados de cada liña de acción. O delegado destacou as axudas ao emprego autónomo, con máis de 4,5 millóns de euros, que xeraron 911 empregos. Así mesmo, os obradoiros de emprego duais e os destinados a menores de 30 anos, cun montante de algo máis de 5,6 millóns, deron lugar a 472 contratacións. Pola súa banda, as achegas de Medio Rural para brigadas de incendios, con 1.980.000 euros, empregaron a 368 persoas. A mesma Consellería permitiu a incorporación de 194 mozos e mozas ao agro, con axudas por 6 millóns de euros.

2.925 PERSOAS NAS ACCIÓNS FORMATIVAS DA XUNTA
En canto ás accións formativas, a Xunta financiou programas por importe de 8 millóns de euros, que beneficiaron a 2.925 desempregados. Neste grupo, os cursos AFD contaron con case 6,8 millóns de euros, e melloraron a empregabilidade de 2.430 beneficiarios. As accións formativas en empresas, con case 98.000 euros, tiveron 45 beneficiarios. Esta cifra subiu ata os 450 nos programas integrados de emprego, que a Xunta financiou con preto de 1,2 millóns.•

•Concellos con maior investimento

LUGO: 4,3 millóns € VILALBA: 1,4 millóns €
MONFORTE DE LEMOS: 887.360 €
SARRIA: 783.177 €
RIBADEO: 772.381 €
CHANTADA: 614.783 €
VIVEIRO: 222.503 €

•Redución do paro na provincia

•Na presentación do balance das políticas de emprego da Xunta, con datos ata novembro, a provincia rexistraba 16.627 desempregados •A cifra supón un descenso do 9,25% no número de parados nos últimos 12 meses (1.694 desempregados menos)

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio