A paisaxe da Ribeira Sacra xa é Ben de Interese Cultural

•O anuncio coincidiu co acto de apoio da candidatura como Patrimonio Mundial da UNESCO, celebrado en Pantón o 28 de decembro

•A Xunta apurou a tramitación para reducir de dous a un ano esta acreditación, paso indispensable para poder optar a Patrimonio Mundial da UNESCO

O presidente da Xunta e os representantes dos Concellos da Ribeira Sacra, no acto de apoio á candidatura deste territorio BIC como Patrimonio Mundial, celebrado en Pantón o 28 de decembro. GPXG

A finais de decembro, a Xunta de Galicia aprobou o decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC) á paisaxe cultural de Galicia. Con esta categoría, establécese o máximo nivel de protección da paisaxe cultural, ao tempo que se recoñece o carácter sobranceiro deste territorio, segundo explicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

MÁIS PRETO DE PODER SER PATRIMONIO MUNDIAL
O mandatario galego salientou o valor desta declaración durante o acto de apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, que tivo lugar en Pantón o 28 de decembro. Precisamente, a consideración BIC é un trámite imprescindible para que este territorio poida ter opción ao máximo recoñecemento da UNESCO. «Esta candidatura sobe un novo chanzo» cara a lograr que a Ribeira Sacra sexa «a primeira rexión vinícola española con este recoñecemento», precisou.
O presidente da Xunta anunciou en Pantón que o seu Executivo porá en marcha o Plan Ribeira Sacra, co que coordinar e xestionar «de xeito global» os investimentos das diversas administracións. Feijóo salientou que este Plan pretende ser «unha ferramenta que sumando esforzos multiplique resultados».

DÚAS ZONAS
No decreto establécese como paisaxe cultural da Ribeira Sacra parte do territorio (preto de 180 quilómetros cadrados) dos 22 concellos das provincias de Lugo e Ourense, distinguindo dúas zonas diferenciadas. Por unha banda, a paisaxe cultural Ben de Interese Cultural (BIC), e por outra, a área de amortecemento. Os límites do BIC están definidos polo espazo das ribeiras do Miño e Sil no seu punto de encontro. Deste xeito, a paisaxe cultural declarada BIC ten como límite ao norte o canón do Miño, limitado pola presa de Belesar, e as parroquias de Rebordaos no Saviñao e de Pesqueiras en Chantada. Polo sur, o canón do Sil é o límite polas parroquias de Vilachá na Pobra do Brollón, e Torbeo en Ribas de Sil. O resto dos límites márcaos a liña de borde da Bocarribeira, un concepto creado por Otero Pedrayo para referirse ao espazo dos socalcos. A área de amortecemento é, segundo o decreto, o ámbito parroquial propio da zona BIC, polas súas relacións de carácter inmaterial e organizativo.
A paisaxe cultural tamén inclúe bens individuais, dos que 70 xa teñen a consideración BIC, e outros 512 que están situados tanto no territorio BIC como na área de amortecemento. A protección BIC exténdese aos 634 bens inmobles de carácter sacro da totalidade dos 22 municipios. •

Os límites da paisaxe cultural BIC refírense ás ribeiras do Miño e Sil. Arquivo EC

•VALORES CULTURAIS DEFINITORIOS DO BIC RIBEIRA SACRA

‣ O topónimo ‣A ocupación histórica do territorio ‣A toponimia e a transmisión do coñecemento sobre os lugares ‣A parroquia como unidade da estrutura do territorio ‣Os socalcos (construción de terrazas amuradas) ‣As cavadas ou cavaduras ‣Os núcleos de poboación ‣A casa tradicional ‣As adegas e os sequeiros ‣O patrimonio fluvial ‣A construción mental do territorio e a pertenza: Folión de fachas e Festa dos Fachós, Festas do Entroido, Folión de Carros de Chantada, Olaría de Gundivós e de Niñodaguia, outras actividades e técnicas tradicionais

•ACTUACIÓNS QUE PRECISAN OU NON AUTORIZACIÓN SEGUNDO O DECRETO

•NA PAISAXE CULTURAL BIC

•Precisan autorización: ‣ Novas construcións, infraestruturas e instalacións ‣ Reconstrucións de inmobles derruídos ‣Obras de reestruturación xeral ‣Ampliacións de máis de 50 m2 ‣Modificación da estrutura xeral en superficies de máis de 5.000 m2 (incluídos novos socalcos) ‣Abancalamentos en pendentes superiores ao 30% (prohibidos en 60%) ‣Novos viais, plataformas e aparcadoiros ‣Miradoiros e embarcadoiros novos

•Non fai falta autorización: ‣ A normal actividade agrícola ‣A tala de pinos, eucaliptos e acacias (está prohibida a replantación) ‣A reparación de socalcos con pedra en seco, e a modificación de terrazas con esta técnica en menos de 5.000 m2 ‣Actuacións de mantemento, reparación e rehabilitación de instalacións e construcións ‣Peches segundo o modelo da Xunta ‣Pavimentos e pérgolas en edificacións existentes ‣Postes, guías, elevadores ou sistemas de rego ‣Mellora das adegas de garda, agás en elementos visibles dende o exterior

•NA ZONA DE AMORTECEMENTO

Precisan autorización: ‣ Explotacións agropecuarias ou acuícolas superiores a 1.000 m2 ‣Explotacións extractivas a ceo aberto ‣Instalacións da industria enerxética (hidráulica, eólica, solares, etc) ‣Instalacións da industria siderúrxica, mineira, química, téxtil e papeleira ‣Grandes infraestruturas hidráulicas ou de aproveitamento da auga ‣Instalacións de xestión e tratamento de residuos ‣Grandes transformacións da natureza do territorio para a implantación de novos usos ‣Explotacións forestais, agás as que teñan un instrumento de ordenación

Non fai falta autorización: ‣ Poderán realizarse en xeral todo tipo de obras e instalacións fixas ou provisionais e as
actividades normais segundo a natureza do solo, ou cambiar o seu uso ou destino de conformidade co planeamento vixente
sen necesidade da autorización da Consellería competente en materia de patrimonio cultural, excepto que na declaración ou inclusión singularizada se determine o contrario

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A depuradora de Monforte podería financiarse con fondos Feader non gastados en Santiago

Seguinte Nova

A Deputación de Lugo e LugoPatrimonio renovan a colaboración

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: