Expertos prevén que aumente a demanda de madeira de piñeiro galego

A xornada técnica sobre a construción en madeira de piñeiro celebrouse no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, o 23 de decembro. GPXG

O sector da construción será “unha clara oportunidade de negocio” para a madeira de piñeiro galego. Esta foi unha das conclusións dos expertos reunidos na xornada técnica organizada pola Consellería do Medio Rural no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, a finais de decembro. Investigadores das Universidades de Vigo e Santiago de Compostela e profesionais de entidades públicas e privadas coincidiron en que a demanda de uso da madeira de piñeiro vai aumentar, non só na construción senón noutras aplicacións para a sociedade en xeral.
Na xornada, os expertos trataron cuestións vinculadas á natureza do piñeiro galego e ás súas aplicacións á construción. Os profesionais reunidos en Lourizán falaron das características hereditarias desta especie sobre as que se traballa en programas de mellora xenética no Centro de Investigación Forestal. En especial, o interese dos investigadores relaciónase con propiedades como a elasticidade e a densidade desta madeira, así como aspectos morfolóxicos como o crecemento en volume e rectitude. Neste sentido, os estudos van orientados ás necesidades do sector da construción, “un importante nicho de mercado” para a madeira de piñeiro galego.
O encontro de Lourizán intégrase no Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e información ao agro galego 2018 da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e cofinanciado no 75% con Fondos FEADER.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*