Completados os arranxos en importantes viais da rede provincial ao seu paso por Taboada, Sarria, A Pobra do Brollón e O Saviñao

Nesta quenda de obras, a Deputación investiu un total de 853.000 euros

O organismo provincial acondicionou 7 quilómetros da estrada LU-P-5804. GPDL

A Deputación de Lugo vén de rematar diversas actuacións na rede de estradas provinciais, ao seu paso polos concellos da zona sur.

O deputado pola comarca de Sarria, Pablo Rivera, supervisou o vial logo da súa renovación, xunto á alcaldesa de Sarria, Pilar López, o pasado 2 de xaneiro. GPDL

O acceso dos peregrinos á vila de Sarria vén de ser renovado. A Deputación completou recentemente os traballos de mellora do firme da LU-P-5602, no tramo que vai dende Samos ata a entrada no municipio polo lugar de Pintín, e que dá acceso ás parroquias de Calvor, Aguiada e San Mamede do Camiño, con máis de 300 veciños.
En total, melloráronse 3,6 quilómetros, con limpeza de cunetas, renovación do firme con aglomerado en quente e nova sinalización horizontal e vertical.
O investimento da Deputación nesta obra acadou os 173.000 euros. •

Completadas as melloras en 3 viais provinciais de Taboada

A deputada Pilar García Porto achegouse a Taboada o día 4 deste mes para supervisar o resultado das obras nas estradas provinciais. GPDL

A Deputación rematou recentemente as obras de acondicionamento do firme en 3 estradas de Taboada. Na LU-P-6001 de Taboada por Ada á LU-213 mellorouse o tramo entre os quilómetros 1,7 e 2,5, e outro entre os puntos 5,8 e 6. Na estrada LU-P-6004 do Alto de San Xulián a Castelo, as obras realizáronse no primeiro quilómetro, o mesmo que na LU-P-6005 de Taboada por Ada a Almuíña. En total, a Deputación acondicionou tres quilómetros, cun investimento de 90.000 euros.
Dende o organismo provincial salientaron que as obras benefician directamente aos preto de 350 veciños das parroquias de Castelo, Moreda, Gondulfe, Ansar e Frade. •

A Deputación completou con 220.000 euros o arranxo dun dos viais máis transitados do Saviñao

A conservación de estradas que leva a cabo a Deputación sumou este mes un novo arranxo. As obras melloraron un total de 7 quilómetros da LU-P-5804, que vai de Rebordondiego a Morgade por Aiaz, entre os puntos quilométricos 3,9 e 10,9. O organismo provincial achegou 220.000 euros para limpar as cunetas, arranxar o firme con aglomerado en quente, restablecer as marcas viais e renovar a sinalización.

VÍA A ESCAIRÓN E ACCESO A GRANXAS
O deputado Miguel Sotuela, que se achegou á zona para supervisar o resultado, salientou a importancia desta obra. “É unha estrada fundamental para os veciños”, precisou, “porque conecta coa capitalidade municipal” e dá servizo aos traballadores das explotacións agrícolas que abundan na contorna. Por iso, Sotuela considerou que a Deputación “non só mellora as comunicacións, senón que favorece a actividade económica da zona”.

O organismo provincial tamén vén de acondicionar a LU-P-5801, da igrexa da Cova a Fión, con outros 46.000 euros •

Obras en catro viais da Pobra do Brollón

Ademais, o Executivo provincial vén de completar os traballos de mellora de 4 estradas no municipio da Pobra do Brollón. En total, arranxáronse 8 quilómetros, e o resultado beneficia aos 800 veciños e veciñas deste concello .
As obras realizadas pola Deputación, cun investimento de 370.000 euros, melloraron os accesos aos núcleos de Vilachá, Salvadur, Airexa, Salgueiros, Piño, Veiga, Santa de Rei, Santo Adrián, Fondorallo, Salcedo, Martul e Castroncelos.
Os traballos incluíron a limpeza de cunetas, a rehabilitación do firme con aglomerado en quente, o repintado e a renovación da sinalización vertical. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Primeiros pasos para o futuro Centro de Interpretación da Cova de Eirós

Seguinte Nova

Homenaxes ao esforzo e superación de destacados deportistas do sur de Lugo

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: