Arranca o ano na Deputación con luz verde nos Orzamentos

• A aprobación definitiva das contas para 2019 tivo lugar o día 3, nun Pleno Extraordinario cos votos a favor dos socialistas, a abstención do PP e os votos en contra do BNG e do deputado non adscrito

Un momento da votación dos Orzamentos da Deputación para 2019, no Pleno Extraordinario do 3 de xaneiro. GPDL

O Goberno da Deputación logrou aprobar definitivamente o Orzamento para 2019 presentado polo seu presidente, Darío Campos. O Pleno Extraordinario do 3 de xaneiro deu luz verde a estas contas, co voto favorable do equipo de Goberno, a abstención dos deputados do Partido Popular, e os votos en contra dos dous representantes do Bloque Nacionalista Galego e do deputado non adscrito.

CAMPOS SALIENTOU O SEU «TALANTE E PACIENCIA» NO «DIÁLOGO» PARA SACAR OS ORZAMENTOS DESTE MANDATO
En relación a esta sesión plenaria, o presidente do organismo provincial insistiu en que a súa «prioridade» dende que asumiu o cargo «foi sempre aprobar o Orzamento», coa finalidade de «poñer á disposición de todos os veciños o que lles corresponde, que son os seus fondos públicos nesta institución». Campos destacou «o talante e paciencia» co que estableceu «diálogo con todos os grupos da oposición, ano tras ano», e puxo en valor «o xeito totalmente obxectivo e sen precedentes» co que o Goberno provincial «puxo ao servizo dos máis de 330.000 veciños dos 67 concellos lucenses» algo máis de 230 millóns de euros entre 2016 e 2018. Este xeito de gobernar «debería primar en todas as institucións públicas do país e non o fai», apuntou o mandatario.
O PP ABSTÍVOSE «PARA CUMPRIR A PALABRA DADA EN 2016, EVITAR O BLOQUEO E SER O MÁIS ÚTILES POSIBLE Á PROVINCIA»
Pola súa banda, o Grupo Provincial do Partido Popular aclarou o sentido do seu voto. Coa abstención na sesión extraordinaria, na que se votaban as reclamacións presentadas e a aprobación definitiva dos Orzamentos, o Partido Popular «veu cumprir a palabra dada en 2016 para evitar o bloqueo e a parálise da provincia». A voceira do PP na Deputación, Elena Candia, precisou que «vista a situación de parálise, bloqueo e conflictividade, o grupo decidiu, tras un debate interno construtivo, intentar ser o máis útiles posible á provincia e abandonar o rédito electoral».

CANDIA: «RESPECTAR A AUTONOMÍA LOCAL MÁIS QUE NUNCA»
A pesares disto, Candia insistiu en que «non nos gustan estes Orzamentos», e que o Grupo Popular «bota en falta un proxecto de provincia». A abstención para dar vía libre aos Orzamentos xustifícase, segundo Candia, «en que si se poñen a disposición dos concellos, que en 8 anos non estiveron, xa que só estaban a disposición duns poucos». Elena Candia subliñou que a postura do seu grupo é «respectar máis que nunca a autonomía local».
O 55% VAI PARA INVESTIMENTOS DIRECTOS
Os Orzamentos da Deputación contan con 88,4 millóns de euros, dos que 48,6 supoñen investimentos directos, case o 55% do presuposto. Campos Conde adiantou que esta contía irá aumentando pola incorporación de remanentes, que proceden da diferenza entre o prezo de licitación e o da contratación. Unha vez que se teña pechado o exercicio de 2018, saberase de canto se dispón. O Executivo decidiu que os remanentes de actuacións en Concellos se destinarán a máis investimentos nos propios municipios. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A droguería Andy de Monforte deu un premio de 400.000 euros do Gordo de Nadal

Seguinte Nova

Primeiros pasos para o futuro Centro de Interpretación da Cova de Eirós

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: