Crónica del sur de Lugo

A droguería Andy de Monforte deu un premio de 400.000 euros do Gordo de Nadal

No centro da imaxe, Ana Eireos, propietaria da Droguería Andy, posa con amigos e familiares logo de saír o Gordo da Lotería de Nadal. EC

O 22 de decembro, Monforte de Lemos volveu arañar a sorte do Nadal, aínda que esta vez concentrada nun só décimo, e nunha pequena área que xa se considera tocada pola fortuna. A droguería Andy, situada no número 80 da monfortina rúa Calvo Sotelo, vendeu por máquina un décimo do primeiro premio da Lotería de Nadal. Ao beneficiario correspóndenlle 400.000 euros.

O número 3.347 saiu ás 12,35 horas do 22 de decembro, moi repartido por toda España, e cun único décimo vendido en Monforte, no receptor mixto da Droguería Andy. EC

MOITA SORTE EN POUCOS METROS

O azar fixo que este premio saíra xusto ao lado do bar Anduriña, no que se repartiran 40 millóns de euros de El Niño en 2014, un ano estelar na historia de Monforte, xa que este sorteo deixou na cidade e na comarca de Lemos 120 millóns. A este golpe da fortuna súmanse os preto dunha decena de premios importantes que leva repartidos a droguería Andy nos seus 15 anos de funcionamento. O histórico iniciouse en 2002, cando o establecemento de Ana Eireos selou un boleto da Quiniela con case 46.000 euros. A Bono Loto protagonizou nesta droguería monfortina dous momentos salientables, un en maio de 2011, no que tocaron 200.000 euros, e outro en xullo de 2006, cando o establecemento de Eireos deu un premio de máis de 1 millón de euros. Nos grandes sorteos da Lotería, tamén se emitiu neste local o segundo premio de El Niño de 2017.  

A droguería Andy leva repartidos importantes premios na cidade de Monforte. EC

Desta volta, está por saber a identidade do gañador. Ao tratarse dunha cifra considerable, o cobro do décimo tramítase a través dunha entidade bancaria, polo que será moi difícil que a persoa afortunada cruce denovo o umbral da droguería. “Non imos saber quen é”, recoñeceu Ana Eireos, aínda que a súa experiencia como loteira dille que, ás veces, os gañadores volven ao lugar no que recibiron a sorte. “Houbo casos en que,tras dar un premio importante, o cliente veu dar as grazas”, comentou Eireos. Incluso, o agradecemento materializouse “nalgún detalliño” , para recoñecer aos loteiros como mediadores entre as persoas e esa sorte que lles veu cambiar a vida.  

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

     
Ir a Inicio