Crónica del sur de Lugo

Aprobado o Orzamento da Deputación para 2019 con 88,4 millóns de euros

O presidente da Deputación, Darío Campos, e o vicepresidente, Argelio Fernández, durante o Pleno no que se aprobaron os Orzamentos para 2019, o 27 de novembro. GPDL

• 48,6 millóns serán para investimentos nos 67 concellos da provincia

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou os Orzamentos para 2019, co voto favorable dos deputados socialistas, a abstención dos deputados do Partido Popular, e os votos en contra dos representantes do Bloque Nacionalista Galego e do deputado non adscrito.
Na sesión, celebrada o 27 de novembro, deuse o visto bo a unhas contas que inclúen 88,4 millóns de euros, dos que o 55% irán destinados a investimentos nos concellos, o que supón unha cifra de 48,6 millóns.

EMENDAS INCLUÍDAS
Á proposta de Orzamentos que levou ao Pleno o presidente da Deputación, Darío Campos, engadíronse dúas das emendas presentadas polos grupos da oposición. Segundo explicaron dende o Goberno provincial, incluíronse estas emendas porque non implicaban modificacións orzamentarias. Estas emendas, presentadas e modificadas logo polo Grupo Provincial do Partido Popular, segundo precisaron dende o Executivo, obrigan a recoller no Orzamento a posibilidade de que os concellos elixan o modelo de xestión do centro de maiores que a Deputación edifique no seu término municipal, e que este modelo se axuste ao marco legal. Dende o Executivo provincial precisaron que estas emendas seguen a liña dos criterios establecidos polo presidente na súa proposta inicial.

RESIDENCIAS
Dende o Goberno da Deputación destacaron que o documento presentado polo mandatario provincial xa recollía unha partida de 4 millóns para as residencias, dos que 500.000 euros serían para o centro en Pantón e outros 200.000 euros para o de Cervantes, ambos de nova creación. Os restantes fondos son para as residencias de Becerreá, Portomarín, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Guitiriz e A Pontenova, que xa estaban previstas. A emenda do PP esixiu precisar o nome de todos concellos onde se teñen proxectado as residencias.

REMANENTES PARA O PLAN ÚNICO
A explicación que deu o Goberno provincial para rexeitar o resto das emendas presentadas foi que implicaban cambios orzamentarios, ou recurrían a remanentes de 2018, cantidades que non se poderían coñecer ata febreiro de 2019, data no que rematará o presente exercicio orzamentario. Ademais, precisaron que a proposta de Campos xa comprometía un mínimo do 70% dos remanentes para destinar ao Plan Único, co fin de que este programa contase con alomenos 20 millóns de euros. •

ESTRADAS, DOTACIÓNS E SERVIZOS

• 8,2 MILLÓNS: Para novas obras de mellora en estradas da rede provincial • 4 MILLÓNS: Tamén para a rede viaria provincial, e procedentes dun crédito solicitado con esta finalidade • 4,2 MILLÓNS: Incrementaranse con remanentes para o Plan Único; irán para mellorar dotacións municipais a través do antigo Plan de Obras e Servizos (POS) • 1,3 MILLÓNS: Para novos servizos no rural • 800.000 EUROS: Para rehabilitar o Mirador de Mondoñedo e a Casona do Incio, e para a dotación dunha tirolina na Ribeira Sacra

10 MILLÓNS PARA EMPREGO

• 4,4 MILLÓNS: Para continuar executando os programas Ben Empregado IV, DepuEmprego II, Tecendo Emprego, Primeira Oportunidade e Emprendendo no Rural • 730.000 EUROS: Para a Granxa Experimental do Campus Terra • 200.000 EUROS: Para novas iniciativas que potencien a agricultura, gandeiría e pesca

10 MILLÓNS PARA BENESTAR

• A partida increméntase en 4 millóns respecto ao exercicio anterior •4,3 MILLÓNS: Para as residencias de Becerreá, Folgoso do Courel, Portomarín, Guitiriz, Pantón, A Pobra do Brollón, A Pontenova e Cervantes •2 MILLÓNS: Para financiar o funcionamento e as prazas dos centros de maiores que se poñan en marcha en 2019 •MÁIS DE 500.000 EUROS: Para atender a 1.600 maiores coa Teleasistencia gratuíta •1,2 MILLÓNS: Elevaranse ata os 1,5 millóns cos remanentes, e serán para financiar o Servizo a Domicilio a non dependentes, con 2.300 beneficiarios actuais

DEPORTE, CULTURA E TURISMO

• 4,1 MILLÓNS para impulsar o deporte • 5,4 MILLÓNS para accións en turismo, cultura, artesanía e deseño

O PP facilitou a aprobación das contas coa súa abstención, a condición de incluír varias emendas

O Grupo Provincial do Partido Popular reivindicou o seu “papel promotor” de numerosas iniciativas neste mandato da Deputación de Lugo, como a dotación de canceiras, a xestión pública do Consorcio de Bombeiros, ou a partida para o Plan de Estradas. A abstención dos populares na votación dos Orzamentos posibilitou a aprobación das contas, decisión condicionada á inclusión de varias emendas. Entre elas, a posibilidade de que os concellos elixan a entidade de xestión para as residencias, que podería ser o Suplusa, e que o persoal seleccionado en 2015 teña a oportunidade de traballar nalgún destes centros.
Con todo, a voceira do PP, Elena Candia, botou en falta “un proxecto de provincia que colabore cos concellos e tecido asociativo”.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio