José Antonio Rodríguez Domínguez presidirá o comité electoral do PP monfortino

• Manuel Eiriz actuará de secretario do comité que elaborará a candidatura para as municipais

O avogado e ex concelleiro José Antonio Rodríguez foi elixido por unanimidade na reunión celebrada na sede do PP monfortino o 23 de novembro. (Foto: PP)

O Partido Popular de Monforte vén de dar un novo paso para formalizar unha candidatura de cara ás eleccións municipais de maio de 2019. A lista popular para loitar pola alcaldía na cidade do Cabe será elaborada por un comité electoral, presidido por José Antonio Rodríguez Domínguez, e como secretario, Manuel Eiriz, ambos con experiencia como concelleiros. A configuración deste comité foi acadada por unanimidade na «extensa» reunión mantida pola dirección provincial do PP e a executiva local o día 23 de novembro. A presidenta do PP monfortino, Julia Rodríguez, deu valor a este órgano, porque coa súa constitución «o Partido Popular de Monforte sae reforzado».

DISCREPANCIAS
A esta situación chegouse logo de que a dirección provincial do PP lucense esquivara apoiar a Julia Rodríguez Barreira como candidata aos comicios de maio. Nun comunicado emitido o día 9 deste mes, o órgano directivo do PP lucense admitiu valorar como candidato a Roberto Eireos, «logo de analizar co Grupo Municipal os resultados electorais e a información que nos teñen achegados os veciños e veciñas». A pesar da súa decisión, a directiva provincial non deixou de «respaldar o traballo do Grupo Municipal en Monforte», como tamén «a dedicación e o empeño da voceira municipal e deputada autonómica, Julia Rodríguez».
Pouco despois, e logo de que Eireos dera a coñecer a súa renuncia a través da prensa diaria, responsables provinciais e locais do PP confluiron nun acordo, do que saiu o comité presidido por Rodríguez Domínguez. Este comité conta co respaldo da dirección provincial, que amosou a súa actitude de colaboración e respecto ao que alí se decida. «A súa proposta será a proposta da directiva provincial», declarou Juan Carlos Armesto, secretario provincial da formación, quen recoñeceu que a responsabilidade da candidatura é agora do comité, «que traballará con total liberdade e, polo tanto, a súa decisión será respectada».

JULIA RODRÍGUEZ GABOU A ACTITUDE DOS AFILIADOS
Pola súa parte, Julia Rodríguez declinou presidir este comité, aínda que lle correspondía pola súa condición de presidenta local. A voceira municipal e deputada autonómica tivo palabras de alabanza para os afiliados, pola súa «impecable actuación ao non se mobilizar nin en contra nin a favor dun ou doutro candidato». Julia Rodríguez valorou que os afiliados «defenderan as competencias dos órganos locais fronte ao que eles consideraron unha intrusión». •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O BNG de Monforte pide melloras na estrada da Vide e na recollida do lixo na periferia

Seguinte Nova

En marcha o dispositivo de inverno na rede de estradas provincial

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: