Crónica del sur de Lugo

As luces do Nadal prenderanse en Monforte o 5 de decembro

Este ano, as luces de Nadal chegarán a 53 rúas de Monforte e preto de media ducia de prazas. Arquivo EC

As rúas de Monforte estarán decoradas coas luces de Nadal dende o 5 de decembro ata o 6 de xaneiro, con máis presenza e novos deseños lumínicos. Así o adiantou o alcalde, José Tomé, a mediados de novembro, salientando que o Concello vén de incrementar o orzamento para a decoración destas festas navideñas, e introducirá varias novidades respecto aos últimos anos.

UNHA ESTRELA DE GRAN TAMAÑO NA PRAZA DE ESPAÑA
En total, serán 53 as rúas monfortinas que contarán con alumeado de Nadal, para o que se van instalar 117 arcos de luz. Así mesmo, vanse decorar a Torre da Homenaxe e as Prazas de España, Carude e Os Chaos, ademais do Campo de San Antonio e a Praza da Estación.
Pola súa banda, colocarase un abeto na Praza da Compañía, e sete letreiros luminosos co lema “Bo Nadal” nas correspondentes entradas á cidade. Como gran novidade, Tomé anunciou que a tradicional árbore lumínica da Praza de España será substituída por unha estrela de grandes dimensións.
En canto ao incremento orzamentario para as luces do Nadal, estimado nun 6% respecto a 2017, Tomé cualificouno de “investimento”. O alcalde precisou que o feito de ter as rúas máis decoradas e iluminadas “é moi útil para o comercio e o conxunto da economía”, xa que busca “fomentar que as compras destas datas tan especiais se realicen na nosa cidade”. Aínda que o Goberno local ten como compromiso levar as luces do Nadal “a todas as zonas do municipio”, as rúas comerciais terán máis arcos de luz. A partida municipal para as luces de Nadal é de 18.000 euros.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio