Crónica del sur de Lugo

Completados os arranxos en accesos de catro núcleos rurais no Incio

A alcaldesa do Incio, Laura Celeiro, acompañou ao presidente da Deputación, Darío Campos, para supervisar o resultado das obras, a mediados deste mes. GPDL

• Deputación e Concello agradeceron a colaboración veciñal, ao ceder terreos para ensanchar algúns dos camiños

Este mes quedaron rematadas as obras de mellora que a Deputación de Lugo levou a cabo en accesos a catro núcleos rurais do municipio do Incio. O organismo provincial financiou os traballos con 40.000 euros, para beneficiar a un total de medio cento de veciños, que agora dispoñen de pistas máis amplas e con firme renovado.

AMPLIAR ACCESOS PARA QUE PASE O CAMIÓN DO LIXO
Nas obras realizadas en Teimoi, parroquia de Santa María do Mao, e Viloira, parroquia de Santalla de Bardaos, ampliouse a anchura dos camiños para permitir o paso do camión de recollida do lixo. Neste sentido, tanto a Deputación como o Concello do Incio agradeceron aos veciños deste núcleos a súa colaboración, por ceder parte dos seus terreos en favor do servizo comunitario.

NOVO PAVIMENTO MÁIS LIMPO E SEGURO
Por outra banda, os traballos nos camiños de Outeiro, parroquia de Hospital do Incio, e Vilasante, na parroquia do mesmo nome, consistiron na renovación do firme con pavimento, “para facelas máis limpas e seguras”, segundo destacou o presidente da Deputación, Darío Campos, na súa visita ao Incio para ver o resultado dos traballos.
A alcaldesa, Laura Celeiro, acompañou a Campos na revisión das obras, e agradeceu a iniciativa da Deputación para acometer as melloras nos accesos. “Sen esta colaboración, seríanos moi difícil realizar este tipo de traballos, pois no municipio hai 28 parroquias e máis de 120 núcleos rurais”, explicou. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio