Crónica del sur de Lugo

O Goberno local defende a xestión realizada nas parroquias de Monforte

• O alcalde iniciou unha rolda informativa nas parroquias, para facer balance e recoller propostas

O alcalde, José Tomé, acompañado do concelleiro de Medio Rural, José Luis Losada, na reunión cos veciños de Piñeira, o 7 de novembro. GPCM

A comezos de novembro, o alcalde de Monforte, José Tomé, comezou unha rolda de visitas ás parroquias, para manter encontros coa veciñanza nos que amosar o traballo feito ao longo do mandato, e “recoller propostas e analizar as posibilidades de sacalas adiante”. Así o explicou o rexedor local, insistindo en que estas reunións forman parte das visitas que ten costume realizar de xeito periódico.

170.000 EUROS INVESTIDOS EN RIBAS ALTAS
Desta volta, a quenda de reunións coa veciñanza iniciouse no local social de Ribas Altas, parroquia na que o Goberno local leva investido preto de 170.000 euros dende 2015. Tomé, que estivo acompañado polo concelleiro de Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, enumerou ata unha vintena de actuacións nesta parroquia. No eido da mobilidade, o alcalde lembrou os traballos de asfaltado do camiño da Quintela, xusto diante do local social, o camiño de Barxa e o do Outeiriño, así como o arranxo das pistas do Centro de Día, e de Vilanova a Ribas Altas. Actuacións similares leváronse a cabo en Pacios, dende o campo de golf ata a estrada de Lugo, e dende o paso inferior de Renfe ata a pista do canal, ademais de acondicionar os accesos ao campo de fútbol no Barrio e á granxa na Eirexa. A serie de melloras en pistas completouse cos traballos en dous camiños da entrada ao barrio da Veiga á Barxa.
No tocante aos subministros, o Concello actuou no saneamento de Outeiriño e no Barrio, e mellorou a traída de auga nestes dous núcleos.
Xunto a estas medidas, o equipo de Goberno concedeu axudas para a ampliación do campo de golf, e acometeu o revestimento da fachada do local social e a iluminación do campanario da igrexa. Tamén se actuou na área recreativa de Ribas Altas, co pintado do refuxio e a reposición de cipreses. No ámbito social, o Concello destacou o apoio á organización da Festa da Empanada.

280.000 EUROS EN MELLORAS EN PIÑEIRA
A segunda parada do alcalde foi en Piñeira, parroquia na que está situado o polígono do Reboredo. Na superficie industrial, o Concello investiu 48.800 euros no asfaltado da rúa principal, e case 54.500 na nova iluminación. A maiores, o Consistorio destinou a Piñeira outros 176.707 euros, con asfaltados na pista detrás dos invernadoiros, na Regueira, e na que vai de Aluminios Javier ata a pista do cemiterio. Tamén se arranxou o firme da estrada dende a ponte do río ata o paso inferior da Renfe, e a estrada a Guntín en tramos dende Regueira a Santa Lucía. Así mesmo, botouse asfalto na pista dende a N-120 ata Babela, de Carballo a Casas de Abaixo, e na pista de acceso ao desguace en Regueira. As obras en viais complétaronse co asfaltado da pista de acceso á granxa do Rei, a rúa dos Cotos, e a estrada de Piñeira dende a N-120 ata o río, e o aglomerado do paseo dende a estrada de Sober á estrada do polígono, ademais de acondicionar a beirarrúa xunto ao muro na Barxela.
José Tomé completou a enumeración dos investimentos en Piñeira, lembrando os bacheos realizados por toda a parroquia, a adquisición dunha mangueira de rego e tubo de formigón para xardineiras, e a pintura para o local social. Ademais, procedeuse á renovación do sistema de auga no cemiterio, e no abastecemento na Recosta. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio