O Concello da Pobra do Brollón reivindica normalizar a memoria histórica no programa cultural municipal

•O Goberno local vén de estrear o I Ciclo de Cinema Galego, no que se dan a man a creación artística, a historia e a identidade dos pobos

En torno á escavación arqueolóxica da Casa de Repil, o Concello da Pobra do Brollón está a desenvolver diversos actos vinculados á Memoria Histórica ao longo do ano. (Foto cedida)

O Goberno local da Pobra do Brollón está a propoñer unha reflexión en torno á Memoria Histórica, co apoio a diversos proxectos vinculados ao pasado recente do municipio. Así mesmo, dende o Consistorio apostan por deseñar unha programación cultural que teña en conta esta temática, a través de conferencias, mesas redondas ou proxeccións cinematográficas. «Non se trata de acordarnos do noso pasado recente só nos días sinalados no calendario», precisou o alcalde da Pobra, Xosé Lois Maceda, que reivindicou o feito de «normalizar que se celebren actos de Memoria dentro da programación cultural regular dun Concello».

MEMORIA HISTÓRICA NO I CICLO DE CINEMA GALEGO DA POBRA DO BROLLÓN
Con esta intención, os eventos previstos para abrir novembro estiveron vinculados á Memoria Histórica. A proxección do documental «O canteiro de Sebil» deu continuidade ao I Ciclo de Cinema Galego que o Concello da Pobra do Brollón está a desenvolver na Casa da Cultura Olga Novo todos os xoves de novembro. A peza narra a historia de Xoan Xesús González Fernández, que comandou un grupo de 50 obreiros de Teo, coñecidos como Os Terzos de Calo, que marcharon cara Compostela para defender a República tras o Alzamento en xullo de 1936.
As proxeccións do Ciclo de Cinema Galego van seguidas dunha mesa redonda, que nesta ocasión versou sobre a arqueoloxía como elemento fundamental na Memoria Histórica. A sesión foi conducida por Xurxo Ayán, director da escavación da Casa de Repil, un dos proxectos de recuperación do pasado recente do municipio, e que foi escenario do inicio do fin da guerrilla antifranquista en 1949.

POSTA EN VALOR DO PATRIMONIO NAS «VISITAS OUTONIZAS»
Precisamente, o espazo arqueolóxico da Casa de Repil foi o destino da visita guiada prevista para o sábado 10 de novembro, e que substituiu ao itinerario habitual ao Castro de San Lourenzo. Os roteiros dos sábados forman parte das «Visitas Outonizas», unha programación que o Concello ten en marcha ata o 2 de decembro para poñer en valor dous puntos de interese cultural como son a Cova das Choias e o Castro de San Lourenzo, aproveitando a singular beleza da paisaxe no outono.
A Memoria Histórica seguiu protagonizando a fin de semana cultural na Pobra. O mesmo sábado incluiu a obra teatral «A Lola», escrita e dirixida polo profesor Manuel Ayán Díaz, e interpretada pola Asociación Cultural Velaíña. A obra narra o drama dunha parella a punto de casar nos anos 60, e sobre a que pesa o pasado ideolóxico das súas familias. Xa o domingo 10, Xurxo Ayán dirixiu unha actividade sobre O Inverno de Eirexalba e o seu proxecto de exhumación.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Biblioteca de Sober, premiada pola súa programación anual

Seguinte Nova

O Goberno local defende a xestión realizada nas parroquias de Monforte

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: