A nova quenda de cursos da Xunta para desempregados formará a case 2.500 persoas na provincia

Reunión de coordinación do delegado da Xunta en Lugo cos responsables das entidades que van impartir os cursos AFD, o 30 de outubro. GPDTL
A Xunta ten en marcha unha nova serie de accións formativas para desempregados (AFD), dirixidos a preto de 2.500 persoas. No sur de Lugo, un total de 26 cursos conforman a oferta de formación, cunha dotación autonómica que supera o millón de euros.
BENESTAR, AGROFORESTAL E MOTOR, MATERIA DOS CURSOS DE SARRIA E CHANTADA
No reparto dos cursos, a comarca de Lemos conta con 18, mentres que na de Sarria impartiranse 7, e un en Chantada. A formación que recibirán os participantes no curso de Chantada centrarase no mantemento do motor e os seus sistemas auxiliares. A proposta formativa na comarca sarriana  inclúe un curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, en Láncara, mentres que Sarria concentra os restantes seis cursos, todos vinculados ao sector forestal ou agrícola. Así, haberá dous cursos sobre actividades auxiliares en aproveitamento forestal, outros dous para conservación e mellora dos montes, e dous sobre actividades auxiliares en agricultura.
ATA 5 FAMILIAS PROFESIONAIS NOS 18 CURSOS DE LEMOS
Na comarca de Lemos, os 18 cursos ofrecerán formación en benestar, cociña, xestión administrativa, novas tecnoloxías e comercio. A Fundación Belarmino Fernández Iglesias, en Sober, acollerá tres cursos sobre cociña, restaurante e bar. Así mesmo, Cruz Vermella será a encargada de impartir os catro cursos de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Os demais cursos desenvolveranse en centros de formación privados, cunha oferta que integra accións relacionadas coa xestión de datos, elaboración de páxinas web, sistemas microinformáticos, atención ao cliente, ou servizos administrativos.
A Xunta destina máis de 786.000 euros para financiar os cursos AFD da comarca de Lemos.
A finais de outubro, o delegado da Xunta en Lugo mantivo unha reunión cos representantes das 36 entidades que imparten os cursos, para coordinar accións e «lograr os obxectivos propostos».
Ademais, a Xunta vai ofrecer 25 novas accións nos centros formativos que ten en Lugo, Viveiro e Monforte, cun orzamento dun millón de euros. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Ecomuseo Pazo de Arxeriz presume de edificio

Seguinte Nova

En marcha 5 obradoiros de emprego da Xunta na zona sur

Últimas noticias sobre EMPREGO

A %d blogueros les gusta esto: