Crónica del sur de Lugo

Dúas granxas do sur de Lugo, entre as galardoadas nos Premios Exceleite 2018

• A explotación de María Sira González, en Sarria, e a granxa chantadina de Concepción Torres integraron a lista dos 20 gañadores

Foto de familia dos responsables das explotacións galardoadas nos II Premios Exceleite, que convoca a Consellería do Medio Rural, no evento celebrado en Vilalba o 6 de novembro. GPXG
A segunda edición dos Premios Exceleite, convocados pola Consellería do Medio Rural, vén de recoñecer a excelencia hixiénico-sanitaria de 20 explotacións leiteiras de leite cru de vaca de Galicia, dúas delas situadas no sur de Lugo. A granxa de María Sira González Folgueiras, de Sarria, acadou o segundo premio na categoría de explotación extensiva de tamaño grande, mentres que a explotación de Concepción Torres López, en Chantada, recibiu o segundo premio na categoría de produción ecolóxica. A vintena de granxas recoñecidas cos Premios Exceleite deste ano foron seleccionadas de entre as preto de 5.000 inscritas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada. Este Rexistro autoriza ás granxas a dispoñer do uso do distintivo de calidade Galega 100%.
AUMENTO DUN 6% NOS INGRESOS DO SECTOR
Na entrega dos II Premios Exceleite, que tivo lugar en Vilalba o 6 de novembro, participou o conselleiro do Medio Rural, José González, e a que fora a súa antecesora no cargo, Ángeles Vázquez, agora á fronte da Consellería de Medio Ambiente. González gabou “o traballo e a seriedade” dos gandeiros, que fixeron do sector lácteo “o buque insignia do rural galego”, convertindo a Galicia no “líder indiscutible”en España. Este liderato explícase, segundo o conselleiro, polo volume de produción e pola calidade do produto. González lembrou que, nos primeiros nove meses do ano, os ingresos dos gandeiros galegos medraron un 6%, ata lograr máis de 639 millóns de euros en termos xerais. O conselleiro salientou que a calidade do leite galego vén dada polo mantemento do bo status sanitario da cabana gandeira e o benestar animal.
AS MULLERES E OS MOZOS, “PROTAGONISTAS” NESTA EDICIÓN DOS PREMIOS
En relación coa excelencia do sector lácteo, José González puxo en valor “o papel protagonista das mulleres e dos mozos nestes premios Exceleite”, dato importante porque dá proba, segundo o conselleiro, de que se está a producir unha remuda xeracional no mundo do agro.•

•Tirón do vacún de carne: o sector deu emprego a 1 de cada 4 mozos incorporados ao agro en 2017 

O sector de carne de vacún consolídase como un  eixo importante da economía galega. Ademais do seu peso no mercado, o sector está a atraer a unha nova xeración de gandeiros, que apostan polo agro como vía profesional e proxecto de futuro. Así o expresou o conselleiro do Medio Rural na xornada técnica sobre as Indicacións Xeográficas Protexidas Vaca Galega, Boi Galega, e do selo de calidade Ternera Gallega, celebrada en Lugo a finais de outubro. González demostrou o tirón do sector botando man dos últimos datos de incorporación da mocidade ao rural. O ano pasado, 1 de cada 4 mozos que optaron polo agro como saída laboral, escolleron o sector de vacún de carne. Estes 120 mozos e mozas puideron beneficiarse de preto de 3,6 millóns de euros en axudas, o que supuxo o 24,5% das subvencións que a Xunta outorgou á incorporación da mocidade á actividade agraria.
José González salientou o bo momento da produción cárnica de vacún galega, cun 15% do total nacional, no segundo posto en número de cabezas de gando. En canto á carne de calidade certificada, Ternera Gallega é líder en España, con máis da metada da produción nacional protexida. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio