Crónica del sur de Lugo

Denuncian que Sanidade “discrimina” ao sur de Lugo no servizo de Fisioterapia, con listas de espera en Chantada de preto de dous anos

CIG-Saúde reclama máis persoal de Fisioterapia no Hospital de Monforte, e a apertura de unidades nos Centros de Saúde de Monforte e Quiroga. Arquivo EC

O sindicado CIG-Saúde vén de denunciar a “discriminación” do sur de Lugo nos servizos de fisioterapia para Atención Primaria, que está a xerar no Centro de Saúde de Chantada listas de espera de preto de dous anos para pacientes crónicos. Dende a formación sindical critican a “non potenciación” da fisioterapia nos centros de saúde, xa que o único que conta con este servizo na zona sur é o de Chantada. No Hospital de Monforte, segundo apuntan dende CIG-Saúde, a plantilla actual é de dous médicos rehabilitadores e cinco fisioterapeutas, aínda que hai listas de espera “non moi longas para pedir a primeira consulta, pero para recibir os tratamentos prescritos a lista é maior”.

A comparativa da zona sur coa Área sanitaria da Mariña proba, segundo CIG-Saúde, esta “discriminación”. Cunha poboación similar, “Monforte duplica no número de pacientes en comparación con Centros de referencia como Foz ou Ribadeo”, cun ámbito de atención de 15.877 e 14.027 habitantes, respectivamente. Así mesmo, apuntan que no Barco de Valdeorras, o Hospital conta con servizo de Rehabilitación e o Centro de Saúde ten unha quenda matinal de fisioterapia, situación que se repite na Área de Verín e na de Cee.

No cálculo que fan dende o sindicato, e comparando cos datos extraídos do Instituto Nacional de Estadística, unha unidade de Fisioterapia en Monforte daría servizo a unha poboación de 30.754 persoas. Para unha axeitada cobertura, dende CIG-Saúde consideran que sería preciso abrir tamén unha unidade de fisioterapia no Centro de Saúde de Quiroga xa que, a pesares de que o ratio de poboación sexa máis baixo, “está a unha distancia de 30 quilómetros de Monforte, e a zona do Courel a máis de 70”.

Por este motivo, CIG-Saúde apoia a iniciativa dos fisioterapeutas do Hospital de Monforte, que reclaman “máis persoal para diminuír as listas de espera” deste centro, ademais da creación de unidades desta especialidade nos Centros de Saúde de Monforte e Quiroga.

En canto á unidade de Chantada, o sindicato denuncia que “o Sergas non está a facer nada para remediar a lista de espera de dous anos”. Neste sentido, CIG-Saúde critica que a Xunta “segue sen abrir unha quenda de fisio pola tarde para baixar esta lista de espera”.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio