Crónica del sur de Lugo

A Aula UNED de Monforte pon en marcha novos cursos

• Este ano, arranca a Aula Senior con clases de nutrición e dietética, e de arqueoloxía e patrimonio

A oferta formativa de Monforte medra este ano coa posta en marcha da Aula Senior da UNED. Esta iniciativa está pensada para maiores de 55 anos, que queiran acceder á formación universitaria, aínda que tamén se admite a persoas a partir de 50 anos.
A AULA SENIOR INCLÚE VISITAS GUIADAS A MONUMENTOS NA PRIMAVERA
Segundo explicaron o alcalde de Monforte, José Tomé, e a directora da Aula UNED de Monforte, Ana Traseira, este novo servizo ofrece a asignatura de Nutrición e Dietética no primeiro cuatrimestre do curso 2018-2019, e a materia de Arqueoloxía e Patrimonio, no segundo cuatrimestre. Traseira salientou as vantaxes da Aula Senior, que permite obter un diploma pola formación realizada, e vincular a compoñente pedagóxica e a lúdica, xa que ofrece actividades con gran acollida polo alumnado, como visitas guiadas en primavera aos recursos patrimoniais estudados.
TITORÍAS ON LINE CON LUGO
Ademais, a Aula UNED de Monforte, con sede no edificio da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, segue ofrecendo este curso a posibilidade de estudar os Graos de Psicoloxía, Pedagoxía e Educación Social, así como o curso de Acceso á Universidade para maiores de 25 anos. Estas modalidades contan con titorías presenciais. Así mesmo, e se o alumnado o require, pódense realizar titorías por videoconferencia ou webconferencia dende a Aula de Monforte cos profesores das 21 titulacións que ofrece a UNED de Lugo.
MÁIS CURSOS
A responsable da Aula de Monforte explicou a nova oferta de cursos de Extensión Universitaria. Dende o centro monfortino poden realizarse os cursos de estereotipos de xénero, altas capacidades, propiedade intelectual, xerontoloxía, e prevención do odio e da xenofobia. Traseira salientou que esta oferta de cursos está aberta a incorporar novas accións, para dar resposta ás demandas e intereses do alumnado, do Concello de Monforte e da sociedade.
O alcalde lembrou que o Concello colabora coa Aula UNED a través da cesión dos espazos na Casa da Cultura, e cunha achega anual de 55.000 euros.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir a Inicio