Os orzamentos da Xunta para 2019 queren priorizar ás provincias do interior

•A Xunta destina preto de 6 millóns ao sur de Lugo •A oposición critica os prazos de execución e fala de “partidas insuficientes”

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, na presentación do proxecto de Lei de Orzamentos de Galicia para 2019, o 19 de outubro. GPXG
O Goberno galego presentou no Parlamento o proxecto de Lei de Orzamentos para 2019, que «aposta polo reequilibrio territorial en favor das provincias de Lugo e Ourense». Así o indicou o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, destacando que o investimento por habitante en Lugo será de 4.022 euros, o máis elevado das catro provincias galegas. Dende o Partido Popular, salientaron que estas contas amosan «sensibilidade ás prioridades do sur de Lugo e ás necesidades das comarcas», como apuntaron Raquel Arias e Julia Rodríguez.  O montante que a Xunta destina ao sur lucense ronda os 6 millóns de euros.
MOBILIDADE DE TERRAS E INFRAESTRUTURAS
As deputadas autonómicas do Partido Popular destacaron a partida de 900.000 euros para proxectos de mobilidade de terras que permita recuperar parcelas baldías en Folgoso do Courel, Monforte de Lemos e Sober. En infraestruturas, ademais do millón de euros para o desdobramento do corredor Nadela-Sarria, as contas da Xunta inclúen unha partida específica de 750.000 euros para a LU-651 en Folgoso do Courel, e unha contía similar para os accesos do Porto Seco.
SANIDADE E BENESTAR
No tocante á sanidade, as deputadas do PP por Lugo na Cámara galega salientaron os 190.000 euros que o Executivo da Xunta destina á mellora e mantemento das instalacións do Hospital de Monforte, así como os 600.000 euros para os centros de saúde do Saviñao, e a posta en marcha do Centro Ocupacional Infanta Elena.
VIVENDA, SANEAMENTO E TURISMO
Xunto a estas consideracións, Arias e Rodríguez subliñaron os 405.000 euros que o Executivo autonómico propón para a construción de vivendas en Sober, e a partida de 233.500 euros en obras de saneamento en parroquias deste municipio.
Ademais, as deputadas populares destacaron os 360.000 euros para potenciar o patrimonio cultural de Pantón, e os 300.000 euros para investimentos turísticos en Sober.
A nivel autonómico, Raquel Arias e Julia Rodríguez puxeron en valor o incremento xeral dos Orzamentos nun 3,8%, a redución estable de débeda e a baixada de impostos. •

• VALORACIÓNS POLÍTICAS DOS ORZAMENTOS DA XUNTA

As partidas que o Executivo autonómico destina para a provincia de Lugo centraron as críticas dos partidos da oposición.
PSOE: «PROMETEN O DE TODOS OS ANOS E ESTÁ SEN FACER»
O secretario xeral dos Socialistas de Lugo, Álvaro Santos Ramos, criticou o planteamento das contas autonómicas. «Hai que ter cara para falar de orzamento en Lugo, cando volven prometer o de todos os anos e está sen facer», lamentou. En canto aos investimentos para infraestruturas, Santos Ramos denunciou que «non fixeron nin un só investimento claro na nosa provincia, pois nunca vimos máquina algunha traballando, por exemplo, na vía de alta capacidade da Mariña». O socialista resumiu a xestión do PP como un «abandono» da provincia de Lugo. «Abandonou as nosas comunicacións, e ata nos privou delas, e precarizou a sanidade e a educación pública», destacou, puntualizando que «o PP quitounos liñas de transporte, médicos, profesores, e servizos sanitarios dos nosos hospitais comarcais».
EN MAREA: PARTIDAS «DE VERGOÑA» E «NON CLARAS»
Dende En Marea, a deputada Paula Vázquez Verao considerou os Orzamentos da Xunta «insuficientes para compensar o desequilibrio territorial da zona sur de Lugo». Verao denuncia que «a situación do Porto Seco é de vergoña», xa que a Xunta «repite» a partida para o acceso á N-120 do ano pasado «porque non foi quen de executala». Igual crítica fai a deputada da formación morada o montante para a estrada de Folgoso, «co que se pretende completar os irrisorios arranxos realizados ata o momento». Verao insistiu en que as partidas para servizos sociais e sanitarios no sur «non son claras», e consideran «insuficientes» os cartos para saneamento e depuración.
BNG: «MOITAS OBRAS ANUNCIADAS NON SE VAN EXECUTAR ATA AS ELECCIÓNS DE 2020»
O Bloque Nacionalista Galego amosou o seu descontento coas partidas que a Xunta destina á provincia. Rubén Arroxo, voceiro municipal dos nacionalistas en Lugo, criticou os orzamentos da Xunta «porque están máis pensados para as eleccións galegas de 2020 que para as municipais de 2019». O nacionalista apuntou que a execución de moitas obras, «se é que se executan, farano despois de 2020». Como exemplo, Arroxo citou a partida de 1 millón de euros para o corredor Nadela-Sarria, «cando as inversións necesarias para a súa execución quedan pendentes para despois do 2020». •

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Concello de Monforte acondiciona máis viais na contorna da rúa Ourense

Seguinte Nova

Constituído o Consello Provincial de Turismo

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: