A Deputación activa un novo plan de emprego para colectivos sociais

• Destínanse 1,7 millóns de euros para crear preto de 80 postos de traballo

O presidente da Deputación e a deputada de Promoción Económica explicaron os detalles do novo plan de emprego. GPDL
Xerar emprego e dar pulo ao denominado terceiro sector son os eixos de acción do novo plan de emprego da Deputación de Lugo. Este plan, denominado Tecendo Emprego, vai destinado de xeito específico a colectivos que se adican a promover a integración sociolaboral de persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social.
CONTRATO DUN ANO PARA POSTOS DE CALIDADE  EN ASOCIACIÓNS SEN ÁNIMO DE LUCRO
O programa ofrece axudas de entre 18.000 e 24.000 euros a este tipo de colectivos e asociacións, co fin de que contraten durante un ano a desempregados lucenses. En total, estímase que serán preto de 80 os parados que atoparán emprego a través deste programa.
Os novos contratados entrarán a formar parte da plantilla de cada un destes colectivos. Estes traballadores realizarán tarefas que van reforzar a labor profesional e especializada das asociacións sen ánimo de lucro. «Este plan ofrece traballo de calidade», explicou o presidente da Deputación, Darío Campos, na presentación do Tecendo Emprego. A denominación do programa refírese ao feito de que a Deputación, con estas accións, «vai tecer unha rede entre as asociacións, os seus usuarios e o mercado laboral». O Executivo provincial destina 1,7 millóns de euros a custear este programa.
PRIMARANSE A CONTRATACIÓN A MOZOS E MAIORES DE 50 ANOS, E A ESTABILIDADE LABORAL
Ata o 2 de novembro, as máis de 130 asociacións destas características que hai na provincia poderán presentar solicitudes para participar no Tecendo Emprego. Segundo precisaron os responsables provinciais, terán prioridade os colectivos que contraten a lucenses menores de 35 anos e sen experiencia laboral, e maiores de 50 anos. Tamén se terá en conta as propostas de contratación de lucenses con capacidades diferentes, sen prexuízo da súa idade e experiencia laboral previa.
Así mesmo, darase preferencia a aquelas asociacións que ofrezan mellores condicións laborais, como contratos fixos, xornadas completas, e medidas de conciliación ou de formación.
Co fin de beneficiar ao maior número de colectivos sociais, cada asociación poderá recibir subvencións para un máximo de dous traballadores.
DOBRE OBXECTIVO
Segundo destacaron dende a Deputación, o obxectivo do Tecendo Emprego é axudar ao 30% dos lucenses que están en situación de vulnerabilidade, a través dunha oportunidade laboral. Así mesmo, trátase de impulsar a labor que fan os colectivos sociais na provincia, en consonancia co obxectivo do organismo provincial de ser  «unha Deputación coas persoas, social e rural».
TRABALLANDO NO PRIMEIRO TRIMESTRE DE 2019
Os responsables provinciais estiman que a selección de colectivos beneficiarios destas subvencións estará rematada antes de fin de ano. Deste xeito, os novos contratados incorporaranse aos seus postos no primeiro trimestre de 2019. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

En marcha a campaña de vacinación da gripe ata o 28 de decembro

Seguinte Nova

O Concello de Monforte acondiciona máis viais na contorna da rúa Ourense

Últimas noticias sobre EMPREGO

A %d blogueros les gusta esto: