Crónica del sur de Lugo

Máis dun cento de participantes nas Rutas de Historia polas terras de Sober, A Pobra do Brollón e Monforte

Visita do grupo á igrexa de Lobios, en Sober. (Foto: Rutas de Historia).
O Val de Lemos protagonizou, a finais de setembro, dous itinerarios do programa cultural Rutas de Historia. Esta iniciativa, promovida polo portal www.historiadegalicia.gal, co apoio de Abanca e a Deputación de Lugo, trata de dar a coñecer a historia e o patrimonio de Galicia para concienciar á xente do valor deste elemento como fonte de riqueza. Desta volta, na fin de semana do 22 e 23 de setembro, tiveron lugar dúas andainas por terras de Sober, Monforte de Lemos e A Pobra do Brollón. A estes tres roteiros sumaranse outros dous na provincia de Lugo, ata completar os oito itinerarios que configuran a segunda edición das Rutas da Historia.
VISITA AOS PUNTOS DE REFERENCIA CULTURAL EN SOBER
O sábado 22 desenvolveuse a ruta denominada “As pegadas prehistóricas, románicas e etnográficas no Canón do Sil, o río que fixo Galicia”. O itinerario arrancou da igrexa de Pinol, en Sober, para continuar polo Agro das Mámoas, o Petróglifo do Preguiceiro, a Casa Grande de Veliños, a igrexa de Lobios, o Souto de Lobios, a Capela da Raíña dos Anxos, os Petróglifos de Sampil e o do Val da Raña, os Cruceiros de Pinol, Santiorxo e Lobios, para rematar no Miradoiro de Santiorxo, en pleno Canón do Sil. A guía da ruta estivo a cargo de Paula Vázquez Verao, da asociación soberina Colado do Vento.
A LEMBRANZA DA GUERRILLA EN REPIL, E PERCORRIDO POLO CASTRO DE SAN LOURENZO
A historia máis recente protagonizou a andaina do domingo 24 de setembro. Baixo o título “Polas terras irredentas de Lemos: A última gran batalla dos guerrilleiros en Galicia”, planteouse unha camiñata pola parroquia monfortina de Chavaga e a de Cereixa, na Pobra do Brollón. Na casa de Repil lembrouse un episodio da represión franquista, feito que, segundo os organizadores, supuxo o principio do final da guerrilla en Galicia. Os detalles desta visita estiveron a cargo do historiador Xosé Gago. O percorrido rematou no Castro de San Lourenzo, no que o arqueólogo Xurxo Ayán comentou aos visitantes os novos achados desta escavación. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir a Inicio