Crónica del sur de Lugo

A Ribeira Sacra, escenario en Galicia da celebración do Día Mundial do Turismo

A celebración en Galicia do Día Mundial do Turismo tivo lugar en Parada de Sil, o 27 de setembro. GPXG
A Ribeira Sacra centrou as actividades que en Galicia se organizaron con motivo do Día Mundial do Turismo.
O 27 de setembro, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, así como o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, e outras autoridades provinciais e locais, déronse cita en Parada de Sil, para realizar unha ruta por diversos miradoiros. Os participantes empregaron a aplicación Galicia Birding, para realizar avistamentos de aves, e completaron unha actividade de xeocatching.
TURISMO ORNITOLÓXICO, UN ATRACTIVO MÁIS DA RIBEIRA SACRA
Esta zona foi escollida para celebrar a singular efeméride para apoiar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Ao mesmo tempo, a xornada quixo poñer en valor o atractivo deste territorio para o avistamento de aves, un recurso turístico en alza.•

•MEDRA UN 6% A OCUPACIÓN EN SETEMBRO RESPECTO A 2017

Os datos rexistrados polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra falan dunha ocupación media do 74% en setembro, cifra que supera en 16 puntos a estimación que se tiña a finais de agosto.
En comparación cos últimos anos, a ocupación medrou un 6% respecto a setembro de 2017, e un 14% respecto ao mesmo mes de 2016.
TURISMO RURAL DE FIN DE SEMANA
Por periodos, as cotas máis elevadas corresponderon ás fins de semana, cun ocupación media do 75% en hoteis de 3 e 4 estrelas, dato que acadou o 85% en turismo rural, e foi dun 82% no resto de aloxamentos. Pola súa banda, a ocupación en días laborais acadou o 70% en hoteis de 3 e 4 estrelas, baixando ata o 64% no turismo rural, e chegando ao 80% noutros aloxamentos.
Dende o Consorcio de Turismo destacaron que as expectativas superáronse en todas as tipoloxías  de aloxamento, aínda que os hoteis de máis categoría foron os únicos que rexistraron cifras inferiores por primeira vez nos últimos meses.
As previsións para outubro estimaban un descenso na ocupación respecto aos anos anteriores. A comezos de mes, o Consorcio falaba dun 47%, fronte ao 63% do ano pasado, e ao 58% de 2016. A pesares disto, o sector confía en remontar se as condicións meteorolóxicas son favorables. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio