Crónica del sur de Lugo

Traballo e lecer en torno á vendima na Ribeira Sacra

• A recollida da uva e as primeiras tarefas na adega dan como resultado algo máis que viño: a creatividade e o lecer buscan o seu espazo no tempo da vendima

Vendima nos viñedos de Santiorxo da Adega Malcavada, na Ribeira Sacra. (Foto: MAR LÓPEZ SOTELO)
O tempo da vendima transforma a paisaxe e os ritmos na Ribeira Sacra. Viñedos particulares reúnen a familias e veciños para traballar xuntos como sempre se fixo, e nas adegas convertidas en prósperos negocios chégase ao punto álxido da actividade. As xentes mistúranse coa singular fisonomía do territorio, marcado pola viticultura heroica, que engade un punto de risco e un moito de beleza a esta labor tradicional. O resultado está a ser unha experiencia non só agrícola, senón tamén festiva (que sempre o foi), experiencial e, ultimamente, tamén artística. Cada vez máis persoas achéganse á ribeira para rexistrar coas súas cámaras o momento de recollida do tesouro das viñas. Van a máis os visitantes que buscan mergullarse entre as vides, e experimentar o nacemento do viño.
CADA VENDIMA É ÚNICA
Como todo parto, o do viño ten unha data prevista, aínda que ás veces a natureza reventa o calendario. Este ano, o Consello Regulador fixou o 25 de setembro como data recomendada de inicio da vendima, pero varias adegas xa comezaron a recoller o día 11. Vinte días máis tarde que na vendima do ano pasado. Das 94 adegas rexistradas na Denominación, 64 xa tiñan rematados os traballos o 9 de outubro. Nesta data, iban recollidos máis de 5,5 millóns de quilos. O ano pasado, o Consello Regulador rexistraba 49 días de tarefas, nunha vendima “tempraneira e moito máis escalonada que outros anos”, segundo se reflicte na web oficial do Consello Regulador. Cada setembro é único na ribeira: de aí o seu atractivo.
VIVIR E SENTIR A NATUREZA ENTRE VIÑEDOS
Aproveitar este momento extraordinario para gozar da natureza e as tradicións é o que buscan os cada vez máis numerosos usuarios de experiencias como o Viñobús. Esta fórmula, posta en marcha polo Consorcio de Turismo, leva varios anos sumando visitantes de toda procedencia, que demandan unha alternativa de lecer coa que marcar o inicio do outono. Os usuarios do Viñobús aprenden, a pé de viñedo, como é a uva e a terra que a dá; participan da recollida do froito, e adéntranse nas adegas para saber un pouco máis de como se fai o viño, e para aprender a saborealo. Nos últimos anos, esta “experiencia sensorial”, como a definen na promoción do Viñobús, complétase co pisado tradicional da uva, coa que obter un viño propio do que recibirán, ao rematar o proceso, unha proba no seu domicilio.
IMAXES PARA A LEMBRANZA
A degustación do viño supera as sensacións do padal, para impresionar tamén a retina. As cores da paisaxe e a singular configuración dos viñedos da Ribeira Sacra están listos para ser captados pola cámara, de xeito que, como o mosto transformado en viño, poidan seguirse desfrutando ao longo do ano. Aficionados e profesionais persiguen estes días a mellor foto, aquela na que envasar o aroma e o sabor do momento. Con este sentir, son varios os eventos fotográficos xurdidos en torno ao mundo do viño. O Concurso Red Ribeira Sacra-Viticultura Heroica, organizado por Mar López Sotelo coa colaboración do Concello de Pantón e o Consello Regulador, busca apoiar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Amosar o mundo da viticultura desta terra é o obxectivo do premio Viña Sacra, organizado pola chantadina Asociación Amigos de Manuel Jorge. Con estas accións, a cultura pon en valor o territorio e as súas xentes. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio