Os produtos locais, unha marca de valor e identidade

• O sur de Lugo reúne unha singular variedade de produtos propios, marcados pola calidade e o bo facer tradicional

O viño é un elemento sustancial para comprender a cultura da Ribeira Sacra, tanto na súa gastronomía como na paisaxe e na pegada etnográfica. Na imaxe, visitantes do II Túnel do Viño de Amandi, durante a última edición en Sober da Feira da Rosca, o Mel e outros Produtos da Ribeira Sacra. Arquivo EC
Estamos en tempo de vendima, época na que a paisaxe física e humana de boa parte do sur lucense emerxe con forza para dar saída a un dos seus produtos estrela, o viño. Logo dun ano enteiro gozando dos diversos sabores de cada parte do territorio (cereixas, aceite, mel), a chegada do outono permite seguir regalando o padal con produtos locais da máxima calidade.
OS VIÑOS DA DENOMINACIÓN DE ORIXE RIBEIRA SACRA VAN A MÁIS
O viño configura un xeito de entender o paso do tempo, marcando os chanzos do traballo nas viñas e adegas, e tamén no calendario lúdico e cultural deste territorio. Dende as labores máis tradicionais ata as técnicas de vangarda, os viticultores da Ribeira Sacra acumulan experiencia abonda para presumir dun produto que xa hai tempo que traspasou as nosas fronteiras, afamado pola súa calidade e a singular ubicación da zona produtiva. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra leva máis de 25 anos garantindo a calidade da produción vinícola en 2.500 hectáreas de viñedo de ribeira, espalladas por unha vintena de municipios lucenses e ourensáns ao carón dos dous grandes ríos de Galicia. Este territorio protexido distribúese nas cinco subzonas de Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil.
As cifras de negocio falan do bo facer dos 2.397 viticultores e as 91 industrias adscritas á Denominación de Orixe. Con preto de 19 millóns de euros de facturación en 2017, os viños da Ribeira Sacra consolídanse con peso específico dentro da economía galega. Segundo datos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a Denominación Ribeira Sacra exportou o 4% da súa produción na campaña 2016-2017, tendo como principal mercado aos Estados Unidos. En canto á produción, aumentou un 7% respecto a 2016, con 3,6 millóns de litros, e superando as 5.500 toneladas de uva na colleita de 2017.
A uva que dá personalidade aos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra é a mencía, aínda que tamén se elaboran brancos de gran éxito, con uvas godello, albariño e treixadura. Como novidade, este selo de calidade vai amparar tamén a produción de viños rosados, e dará luz verde á introdución de novas variedades de uva.
Como en toda cultura vitícola, o viño é festa e celebración. Un amplo calendario de eventos dinamiza o sur lucense. A Feira do Viño de Chantada abre o ciclo de exaltación deste produto, para dar paso á de Amandi, feira decana na contorna, e á de Quiroga. O feitizo das adegas centenarias de Vilachá, na Pobra do Brollón, suma visitantes cada ano, e a Mostra dos Viños da Ribeira Sacra de Pantón unifica viño e patrimonio románico. O recente Festival do Viño da Ribeira Sacra centraliza en Monforte de Lemos a posta en valor das cinco subzonas.
O enclave de Figueiredo, en Ribas de Sil, ofrece produtos de alta calidade, como a cereixa e o aceite. Para gozar do seu sabor non hai que perderse a Festa da Cereixa e do Aceite, que se celebra dende hai 16 anos en San Clodio. Arquivo EC
CEREIXAS, MEL OU ACEITE, UN AMPLO ABANO DE OPCIÓNS COA MÁXIMA CALIDADE
Pero as celebracións en torno á gastronomía local no sur lucense non rematan no viño. Neste territorio pódense atopar froitas de gran sona, como as cereixas de Figueiredo, en Ribas de Sil, as diversas variedades de mel que se elaboran en diferentes puntos das comarcas do sur, ou o aceite que se vén colleitando dende hai séculos nas terras de Quiroga. Esta zona é a única no noroeste peninsular, cunha prolongación ata Salamanca, onde a oliveira forma parte dos cultivos. O seu coidado persiste da man de media ducia de colleiteiros, que transforman as olivas en auténtico «ouro líquido». Este afamado produto protagoniza, dende hai 18 anos, a Mostra do Aceite de Quiroga, declarada en 2013 Festa de Interese Turístico de Galicia, e que ofrece unha fusión de gastronomía, tradición e lecer en torno ao muíño artesanal conservado na parroquia de Bendilló. Un bo exemplo da posta en valor dun territorio a través dos seus produtos, entendidos como un ben para hoxe e unha herdanza con futuro. •
Os produtos locais compoñen boa parte do calendario festivo do sur lucense. A Mostra do Mel de Quiroga leva 27 anos como un dos eventos gastronómicos máis significativos da zona do Courel. Arquivo EC

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Continúa o plan municipal para a renovación de rúas: o Concello de Monforte anuncia 15 novas obras

Seguinte Nova

Reforzo dos servizos municipais e máis postos de traballo en Chantada co DepuEmprego

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: