Presentan a Plataforma en Defensa do Ferrocarril do sur de Lugo

• O manifesto do colectivo “Neste Tren cabemos todxs” foi asinado por unha ducia de organizacións, con adhesións de partidos políticos e cidadáns • Entre as reivindicacións “urxentes e inmediatas”, o colectivo esixe máis persoal e liñas de servizo no sur da provincia, melloras na seguridade, e a eliminación dos pasos a nivel urbanos

A presentación da Plataforma “Neste Tren cabemos Todxs” tivo lugar na Sociedade La Fraternal de Monforte o 14 de setembro. (Foto cedida)
A cidade do Cabe reclama un ferrocarril público máis potente para dinamizar a comarca. Baixo o lema “Neste Tren cabemos todxs”, presentouse o 14 de setembro a Plataforma en Defensa do Ferrocarril do sur de Lugo. O manifesto foi asinado polos colectivos ferroviarios SEMAF, SF e SCF, as agrupacións sindicais CGT, UGT, CCOO e CIG, e os partidos BNG, En Marea e Esperta Monforte, ademais do Grupo Municipal non adscrito do Concello de Monforte, e o colectivo Náufragos do Paradiso. Ademais, sumáronse á presentación da plataforma representantes locais do PP e PSOE.
A nova plataforma alerta das consecuencias que está a ter no desenvolvemento do territorio “a degradación” dos servizos ferroviarios, xa que o ferrocarril “é un factor importante no futuro estratéxico de todo o sur de Lugo”.
No seu manifesto, a plataforma esixe unha serie de medidas “de xeito urxente e inmediato”, entre as que figuran  o aumento do persoal ferroviario e das frecuencias nos servizos e liñas da zona, a eliminación dos pasos a nivel urbanos, e máis medidas de seguridade e accesibilidade nas estacións. A longo prazo, o colectivo demanda unha “mellora real e inmediata” da infraestrutura ferroviaria no sur de Lugo, a utilización “real e efectiva” do Porto Seco, e o impulso á inclusión de Monforte no corredor europeo de mercadorías.
“COMPROMISOS” DO PP CO FERROCARRIL
Dende o PP monfortino, a voceira Julia Rodríguez destacou a “importancia desta plataforma para traballar conxuntamente a prol do ferrocarril no sur lucense”. A deputada e portavoz popular no Concello de Monforte salientou que o seu partido “xa ten avanzado” en asuntos como a inclusión no corredor atlántico, o impulso do Porto Seco, a mellora da liña Lugo-Ourense e a supresión dos pasos a nivel.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Volta ás clases no sur de Lugo

Seguinte Nova

Este ano quedará rematado en Pantón o arranxo de case 20 quilómetros de pistas

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: