Crónica del sur de Lugo

Volta ás clases no sur de Lugo

• O curso comeza na provincia con 12.300 estudantes en Secundaria, Bacharelato e Ensino Especial • En Primaria incorporáronse 13.837 escolares ás aulas lucenses

O delegado da Xunta en Lugo visitou o IES Xograr Afonso en Sarria, coincidindo co inicio do curso en educación secundaria, o 17 de setembro. GPDTL
As aulas do sur lucense acolleron estes días as primeiras sesións do curso 2018-2019. Preto de 13.900 escolares de primaria volveron á rutina educativa na provincia, e nos niveis de Secundaria, Bacharelato e Especial foron 12.300 estudantes, á espera do peche definitivo da matrícula.
MATRÍCULA EN INFANTIL NA ZONA SUR
En Educación Infantil, os escolares da comarca de Lemos oscilan entre os 10 de Bóveda e de Brollón, e os 388 de Monforte, pasando polos 12 de Pantón, os 25 de Sober e os 43 do Saviñao. Na zona de Chantada, Carballedo ten 18 matriculados en Infantil, Taboada 23 e Chantada 152. En terras do Courel, Folgoso rexistra a mínima do sur, con 3 alumnos matriculados, só igualada por Samos. En Ribas de Sil son 10 alumnos, e o rexistro sube ata os 43 en Quiroga. Xa na comarca de Sarria, o dato de Samos é superado polos 4 escolares de Triacastela, e polos 5 do Incio. A cifra sube ata os 14 alumnos no Páramo, os 16 en Paradela, e os 35 en Láncara. Sarria conta con 321 escolares neste nivel educativo.
SERVIZOS
O inicio do curso en Secundaria foi aproveitado polo delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, para facer un balance da situación en servizos. Na súa visita ao IES Xograr Afonso de Sarria, Balseiro lembrou que a Consellería destina este curso máis de 20 millóns de euros aos servizos de comedor e transporte escolar na provincia. Educación xestiona 104 comedores escolares para 10.227 alumnos. O servizo de transporte  beneficia a 10.248 rapaces de 118 centros lucenses, para o que a Consellería asinou 364 contratos cos que cubrir 617 rutas diarias na provincia.
3,7 MILLÓNS EN OBRAS NOS CENTROS
Balseiro apuntou que a Consellería ten para este ano un orzamento de máis de 3,7 millóns de euros en 49 melloras, que benefician a 46 centros  de 30 concellos lucenses. En Chantada, xa está rematado o arranxo dos aseos no IES Lama das Quendas, e se está a reformar a cociña do CEIP Xoán de Requeixo. Tamén se completou a instalación dun ascensor no colexio de Pantón, o acondicionamento xeral do centro da Pobra do Brollón, e o arranxo da fachada do colexio de Quiroga. Así mesmo, rematou a renovación de fiestras no colexio de San Clodio, e o cambio da cuberta no CEIP Fernández López de Sarria. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EDUCACION

Ir a Inicio