Crónica del sur de Lugo

A cuarta campaña arqueolóxica no Castro de San Lourenzo rematou con novos achados humanos

Imaxe dos restos atopados nunha das tumbas exhumadas a finais de agosto no Castro de San Lourenzo. (Foto: Concello de A Pobra do Brollón)
O Castro de San Lourenzo está a concentrar a atención arqueolóxica da provincia. A finais de agosto, tivo lugar a exhumación de varias tumbas, que permitiu sacar á luz restos humanos que aportarán novos datos sobre este enclave situado na parroquia de Cereixa, no municipio de A Pobra do Brollón. Segundo manifestaron dende o Concello, entre os achados hai unha mandíbula, posiblemente de muller, que conserva moitas pezas, así como un cráneo completo. Os novos materiais farán posible un mellor coñecemento do pasado desta contorna, completando os datos aportados por “Atilano”, nome atribuído aos restos dun varón exhumados o pasado ano.
No centro da imaxe, o coordinador da campaña, o arqueólogo Xurxo Ayán, durante a exhumación das tumbas a finais de agosto, acompañado, entre outros, polo alcalde da Pobra, Xosé Lois Maceda. (Foto: Concello de A Pobra do Brollón)
TIRÓN TURÍSTICO
Na apertura das tumbas efectuada o 28 de agosto, estivo presente o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda. O rexedor local destacou a importancia dos traballos desenvolvidos en San Lourenzo “para entender a nosa historia”. Maceda salientou tamén o importante tirón turístico que pode ter o elemento arqueolóxico para este municipio do sur lucense. De feito, dende o Concello destacaron que nas exhumacións estiveron presentes varios peregrinos do Camiño de Inverno, procedentes de diversos países de Europa, e que facían noite no albergue municipal. As visitas guiadas que organizou o Concello no verán contaron con gran afluencia, cunha media diaria de 15 persoas.
O Concello informou de que os materiais aportados na cuarta campaña no Castro de San Lourenzo permitirán coñecer aspectos como a idade, a procedencia e a dieta e modo de vida dos habitantes do Castro entre os séculos XI e XIII.•
Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir a Inicio