Crónica del sur de Lugo

A Deputación presentou o programa “DesenvolvendORural”, o primeiro plan de desenvolvemento integral da provincia

• Contempla como liñas de acción a promoción do terceiro sector, o plan de primeira oportunidade, o fomento do emprendemento rural, e a capacitación profesional

O voceiro do Goberno provincial, Álvaro Santos Ramos, na rolda de prensa na que deu a coñecer o “DesenvolvendORural”, o pasado 24 de agosto. GPDL
A promoción do emprego que está a levar a cabo o Executivo provincial vén de tomar un novo rumbo. A finais de agosto, a Xunta de goberno da Deputación lucense aprobou o “DesenvolvendORural”, un programa que presentaron como “pioneiro”, ao ser “o primeiro  plan integral de promoción económica e social na provincia”, centrando a súa atención no rural. O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, argumentou que “Lugo é unha provincia eminentemente rural”, polo que o seu impulso pasa por “buscar novos camiños de futuro que nos permitan garantir vivir no rural e do rural”. O organismo provincial pretende xerar emprego e “aumentar os servizos que ofrecemos, igualando así as condicións de vida entre zonas rurais e urbanas”, ao tempo que fixa poboación no rural.
O TECIDO ASOCIATIVO OU “TERCEIRO SECTOR”, ESENCIAL PARA A VECIÑANZA NO RURAL
Santos Ramos explicou que o plan “DesenvolvendORural” baséase en catro liñas de acción. A primeira céntrase en promover ao tecido asociativo, denominado “terceiro sector”, co obxectivo de impulsar a prestación de servizos aos veciños. “É un ámbito que habitualmente non se aborda dende as administracións públicas”, afirmou o voceiro provincial, que considera que o terceiro sector presta un servizo “esencial para a cidadanía”. Dende a Deputación estiman que na provincia de Lugo, sobre todo nas zonas non urbanas, hai preto de 50.000 persoas en risco de exclusión social ou en situación de vulnerabilidade.
UN COMEZO LABORAL PARA OS MOZOS LUCENSES NA SÚA TERRA
Para frear a sangría xuvenil que está a vivir a nosa comunidade, a Deputación porá en marcha o plan de primeira oportunidade. Esta segunda liña de acción do “DesenvolvendORural” busca permitir que o primeiro contacto laboral dos mozos e mozas con titulación universitaria ou de Formación Profesional sexa na súa provincia. Isto materializaríase coa realización de práticas na Deputación de Lugo, co que se acadarían tres vantaxes: dar máis formación aos mozos, facer que residan e arraiguen na provincia, e aumentar e modernizar o catálogo de servizos que o organismo provincial dá aos veciños do rural.
PREMIOS DE ATA 20.000 EUROS A PROXECTOS VENCELLADOS AO RURAL
Vinculada á xeración de emprego tamén está a terceira liña de actuación do “DesenvolvendORural”. O organismo provincial entende que o emprendemento é unha das vías máis importantes para o crecemento deste territorio. Con esta perspectiva, o plan presentado en agosto porá en marcha premios de ata 20.000 euros ás mellores ideas empresariais desenvolvidas no eido rural. Esta iniciativa busca atraer a formación de empresas, coas que se lograría fixar poboación.
MÁIS FORMACIÓN PARA UN MAIOR E MELLOR EMPREGO
O plan “DesenvolvendORural” ten en conta os cambios necesarios que a sociedade ten que asumir no novo ciclo económico. Santos Ramos explicou que houbo varios sectores “moi castigados pola crise”, e que precisan dunha “transformación”.
Ademais, pensando nos lucenses parados de longa duración, o organismo provincial incluiu como cuarta liña de acción deste plan a capacitación profesional.
Deste xeito, a Deputación fomentará a formación destes colectivos para reciclarse de cara á súa incorporación ao sector agrogandeiro e forestal, e a diversos servizos que hoxe se demandan. •
Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EMPREGO

Ir a Inicio