Crónica del sur de Lugo

Primeiros pasos para a posta en marcha do Consello Provincial de Turismo

• A Deputación de Lugo vén de convocar a 26 asociacións e organismos para que nomeen aos seus representantes
• O texto normativo polo que se rexerá este Consello quedou aprobado definitivamente o pasado mes de maio

Imaxe de arquivo da presentación da campaña promocional da provincia de Lugo en FITUR 2018. GPDL
Coa volta das vacacións estivais, iníciase unha nova etapa na xestión turística da provincia de Lugo. A Deputación vén de andar outro chanzo na formación do Consello Provincial de Turismo, cuxo texto normativo quedou aprobado de xeito definitivo a comezos de maio, logo de que non se presentara ningunha reclamación ao documento publicado no Boletín Oficial da Provincia o día 5 do mesmo mes.
CONTACTOS PARA NOMEAR REPRESENTANTES
Outra data importante é o 14 de setembro, xa que para entón, as 26 asociacións e organismos convocados pola Deputación deberán ter comunicado por escrito no Rexistro provincial o nome e datos das persoas que os representarán no novo Consello Provincial de Turismo. Así o explicou o deputado desta área, Eduardo Vidal Baamonde, a finais de agosto. O Consello Provincial que se vai constituír foi unha das reclamacións feitas polo propio sector turístico dentro das mesas de traballo convocadas pola Deputación para elaborar o Plan Estratéxico de Turismo da Provincia de Lugo 2017-2020.
NA BUSCA DUN MODELO MÁIS RENDIBLE, E TRABALLAR POR OBXECTIVOS COMÚNS
Vidal Baamonde lembrou que este Consello nace co obxectivo de impulsar o crecemento e a transformación do sector turístico na provincia. A idea central desta nova entidade é acadar un modelo máis competitivo e rendible, en consonancia cos plans de actuación e promoción conxunta da marca do destino. Pola súa banda, o Consello Provincial de Turismo pretende xerar unión e compromiso entre os diferentes axentes do sector, para promover proxectos conxuntos e acadar obxectivos globais.
CONVOCADOS
En total, son 26 as asociacións e organismos convocados pola Deputación para integrar o Consello Provincial de Turismo. Entre eles, atópanse a Universidade de Santiago de Compostela, a Federación Galega de Comercio, o Clúster de Turismo de Galicia, a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería, a Federación Galega de Turismo Rural, e a Asociación Galega de Axencias de Viaxe, así como un representante de Auxilia, e de representantes de grupos políticos, entre outros colectivos sociais e profesionais. •
Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio