Crónica del sur de Lugo

Grandes concertos, actividades culturais e lecer para todos nas Festas Patronais de Monforte de Lemos 2018

• Máis concertos e actividades que se desenvolverán ata principios de setembro

O alcalde de Monforte, José Tomé, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, presentaron o programa das Festas Patronais 2018. EC

Todo listo na cidade do Cabe para gozar das Festas Patronais 2018. Do 11 ao 16 de agosto, Monforte de Lemos encherase de animación, música e actividades, cun amplo programa cultural que se extenderá máis aló da semana festiva.

PREGÓN DE JULIA OTERO O SÁBADO 11
As Festas Patronais 2018 terán como pregoeira á xornalista e filla predilecta da cidade Julia Otero, que lerá o pregón dende a Casa do Concello o sábado 11 de agosto ás 20,30 horas. Posteriormente, procederase ao lanzamento do foguete que dá inicio ás Festas, e á posta en marcha da iluminación artística. A xornada rematará co concerto do grupo Bleset.

MÚSICA PARA TODOS OS GUSTOS O DOMINGO
O domingo 12 abrirase coas alboradas a cargo do Grupo de Gaitas do Concello. Ao longo do día, haberá dúas sesións de animación de rúa para os máis cativos, neste caso con música infantil da man de Uxía Lambona A Banda Molona, á unha e ás oito e cuarto, na Praza de España.
Ás sete, terá lugar diante do Centro Cívico do Malecón o Festival Artístico, con recital poético e música en vivo. Os pasarrúas de Os Xograres de Lemos amenizarán a tarde dende as oito e media.
A música seguirá pola noite, con dúas verbenas na Compañía, antes e despois do concerto de Café Quijano. Ademais, na Praza de España terá lugar o concerto do grupo Por Mi Swing- Vintage Dance Band, que ofrecerá unha experiencia musical con baile e música de charleston, claquette e swing.
DÚAS VERBENAS TAMÉN O LUNS
O Grupo de Gaitas do Concello de Monforte porá as alboradas do luns 13, día cheo de animación infantil na rúa, con catro sesións ás doce e ás sete e cuarto no Cardeal, e á unha e ás oito e cuarto na Praza de España. As actuacións de circo e música estarán a cargo de Kicirke. De novo, haberá dúas verbenas con orquestra na Compañía, para acompañar o concerto de Seguridad Social. Ademais, a Banda de Música do Conservatorio Mestre Ibáñez de Monforte dará un concerto ás 23 horas na Praza de España.

CONCERTO DA BANDA DE MÚSICA DE SOBER
Logo das alboradas do Grupo de Gaitas municipal dende o Campo de San Antonio, o Mago Charly Braun traerá a súa Maxia Cómica á rúa do Cardeal, ás doce e ás sete e cuarto. A música e o circo de rúa animarán o día con Infoncundibles, á unha e ás oito e cuarto na Praza de España. Pola tarde, a Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte traerán a súa música dende o barrio da Estación ata o centro. Xa pola noite, Lucía Pérez ofrecerá o seu concerto ás once na Compañía, e á unha seguirán os Gin Toni’s. Na Praza de España, a Banda de Música de Sober dará un concerto ás once.

15 DE AGOSTO, OFRENDA Á PATROA E DÍA DO GAITEIRO
O día grande das Festas Patronais iniciarase co lanzamento das bombas de palenque ás nove e media da mañá, e a partir das dez, comezarán os actos na honra da Patroa de Monforte de Lemos, a Virxe de Montserrat. Tamén o 15 de agosto será o Día do Gaiteiro, con alboradas e pasarrúas ao longo da xornada, a cargo dos grupos monfortinos Os Xograres, Lemavos, Érbedo e Merenzao, ademais de O Cego da Veneira, da Pobra do Brollón, e o quinteto ourensán Redegaita. Ás oito e media, culminará esta celebración coa Mostra de Danza e Música Tradicional.
Pola noite, ás once e media, terá lugar o tradicional percorrido das Barcas Engalanadas polo río Cabe, e ás doce a sesión dos fogos artificiais dende o monte de San Vicente. As dúas verbenas e o concerto de Amaia Montero pecharán a xornada.

FOGOS DO RÍO O DÍA 16
O último día das Patronais de Monforte haberá alboradas e animación de rúa, esta vez con danza circo e clown. Pola noite, logo da primeira verbena, terá lugar a sesión de fogos artificiais dende o Paseo do Malecón, ás doce. A continuación, o concerto de Efecto Pasillo e a segunda verbena porán fin ás Festas.

OUTRAS ACTIVIDADES
Ademais, no mes das Patronais, Monforte ofrece outras posibilidades de ocio e animación. O sábado 11, dende as 21 ás 1,30 horas, terá lugar a Noite Temática de Verán, adicada ao mundo da moda, coa apertura dos establecementos asociados ao CCU Monforte, que ofrecerán grandes descontos. O CCU tamén organiza a Feira de Oportunidades de Verán, o 18 e 19 de agosto, na Praza de Abastos.

MÁIS MÚSICA
A axenda musical seguirá na Praza de España en agosto. O sábado 18 actuará o grupo monfortino The Poet’s Silence, ao día seguinte, os Xograres de Lemos, o 21 Cantigas e Agarimos, e o 25 a Banda de Música de Lugo, todos ás 22,30. O venres 31 terá lugar o concerto de Roi Casal “Son galego, son cubano”, que dará paso ao XIX Festival de Habaneras, o 1 de setembro. Este mesmo día, celebrarase no Parque dos Condes o VII Festival do Paradiso, na Praza da Compañía dende as 20 horas. •

CALENDARIO DE CONCERTOS DO 11 AO 16 DE AGOSTO

•Os concertos das Patronais de Monforte comezarán o sábado 11 co grupo madrileño Bleset, integrado por Susana Alonso e a monfortina Sara Burgo, a partir das 23 horas na Praza de España. O domingo 12 será a quenda de Café Quijano, ás 00,30 horas, na Praza da Compañía. Seguridade Social encargarase do terceiro concerto das Patronais, o luns 13 ás 00,30 horas na Compañía, espazo que acollerá, o martes 14, o concerto de Lucía Pérez. Ese día, a sesión musical será dobre: trala actuación da artista do Incio, terá lugar o concerto dos Gin Toni’s, dende a unha.
A estrela musical do día 15 será Amaia Montero, que actuará na Compañía a partir das 00,30 horas. No mesmo lugar e á mesma hora, o día 16 Efecto Pasillo porá o broche final á serie de concertos das Patronais 2018. •

Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

Ir a Inicio