O Concello de Monforte recoñeceu o esforzo e triunfos de dous destacados deportistas

• Jairo Salgueiro, do Escola Atlética Lucense e campión de España de atletismo adaptado promesas, e Yolanda Salgado, do Club de Golf Río Cabe, campiona de España de maiores de 30 anos, foron agasallados con cadansúa recepción oficial

Jairo Salgueiro foi recibido no Concello de Monforte polo alcalde, José Tomé, en recoñecemento polos seus logros deportivos no atletismo adaptado a nivel nacional. GPCM
O deporte monfortino segue a dar moitas satisfaccións polos logros dos seus deportistas, tanto a nivel de competición autonómica como nacional. Por este motivo, o Concello organizou dous actos para agasallar aos deportistas que veñen de acadar novos triunfos na recente tempada.
CATRO MEDALLAS NACIONAIS ESTE ANO PARA JAIRO SALGUEIRO EN ATLETISMO PARALÍMPICO
O 9 de xullo, o Concello de Monforte ofreceu unha recepción ao atleta Jairo Salgueiro, que compite no Escola Atlética Lucense, e que vén de asinar unha extraordinaria tempada deportiva no atletismo adaptado. Jairo foi campión de España na categoría promesas en 100 metros lisos, e subcampión de España en salto de lonxitude, na proba celebrada na localidade valenciana de Torrent no mes de febreiro.
O atleta monfortino completou este palmarés con novos triunfos a comezos de xullo. No campionato nacional celebrado en Fuenlabrada o día 1 deste mes, Jairo Salgueiro logrou a medalla de prata en salto de lonxitude, e a de bronce en 200 metros lisos, na categoría T12 do deporte paralímpico, que abrangue aos deportistas que compiten en pista cuberta e con discapacidade visual.
A deportista do Club de Golf Río Cabe, Yolanda Salgado, na recepción ofrecida polo Concello de Monforte con motivo da súa proclamación como Campiona de España. GPCM
UN TRIUNFO MÁIS A NIVEL NACIONAL PARA OS DEPORTISTAS DO CLUB DE GOLF RÍO CABE
Na mesma xornada do 9 de xullo, o alcalde de Monforte, José Tomé, recibiu no seu despacho á deportista do Club de Golf Río Cabe, Yolanda Salgado, en recoñecemento ao seu recente logro en competición. O 18 de xuño, Yolanda proclamouse Campiona de España de golf na modalidade de pitch and putt, na categoría de maiores de 30 anos. Na proba nacional disputada na localidade coruñesa de Boiro, Yolanda Salgado rematou a competición con 124 golpes, cunha vantaxe de 9 respecto á segunda clasificada.
GRAN NIVEL DO GOLF GALEGO
A proba de Boiro, celebrada no Barbanza Pitch & Putt, reuniu a máis dun centenar de participantes. Dende a Federación Galega de Golf gabaron o papel dos deportistas galegos na proba nacional, xa que tres dos catro trofeos quedaron en mans de golfistas de Galicia. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta define unha ducia de Itinerarios de Interese Paisaxístico no sur de Lugo

Seguinte Nova

A golfista sueca Johanna Gustavsson arrasou no 6º Ribeira Sacra International Ladies Open

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: