Crónica del sur de Lugo

Observadores da Unesco visitaron o Courel para avaliar a candidatura a Xeoparque

• Xunta e Deputación de Lugo asinaron convenios coa Asociación Montañas do Courel para apoiar esta iniciativa

Os avaliadores da Unesco reuníronse cos responsables da Asociación Montañas do Courel, coa presenza do delegado da Xunta en Lugo e o vicepresidente da Deputación, administracións que colaboran con esta iniciativa. GPDTL
A candidatura de Montañas do Courel a Xeoparque Mundial da Unesco vén de cumplimentar un novo chanzo no camiño cara á súa concesión. Do 17 ao 19 de xullo, dous observadores da Unesco, procedentes de China e Francia, visitaron máis de trinta puntos de interese xeolóxico e natural da montaña lucense nos municipios de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel. O seu informe será vinculante de cara á consecución deste distintivo internacional. De ser favorable a resolución, que se coñecerá en 2019, o conxunto Montañas do Courel pasaría a ser o primeiro Xeoparque Mundial da Unesco no noroeste de España.
Os avaliadores da Unesco realizaron un itinerario de sur a norte, tendo en conta que a entrada natural a Galicia é polo sur, en concreto polo Camiño de Inverno. Ademais, o trazado sur-norte permitiu aos visitantes unha mellor organización nas paradas polos puntos de interese xeolóxico.
OS MUSEOS ETNOGRÁFICO E XEOLÓXICO DE QUIROGA, PUNTO DE PARTIDA DA VISITA
O día de chegada, os observadores iniciaron a visita no Museo Etnográfico e no Museo Xeolóxico de Quiroga, como inicio do que serían as posteriores visitas de campo pola contorna. O Museo Etnográfico deulles información sobre a vinculación da sociedade coa natureza e os recursos da zona. No caso do Museo Xeolóxico, serviu aos promotores para explicar a base científica do proxecto de Xeoparque Montañas do Courel. A visita continuou con paradas en varios miradoiros, e nos restos das explotacións auríferas e infraestruturas de época romana vinculadas a esta actividade.
A segunda xornada centrouse no pregamento de Campodola-Leixazós, e continuou no campo de traballo que está a recuperar o Castro de Vilamor. Os observadores da Unesco coñeceron a aldea rehabilitada de Froxán, declarada Ben de Interese Cultural de Galicia e lugar de interese xeolóxico de relevancia internacional Global Geosites. Ademais, coñeceron as mostras de fósiles expostas na Oficina de Turismo de Folgoso do Courel, e o Castro da Torre, de época romana. Dende aí, a expedición  achegouse ao Centro de Interpretación das Covas de Meiraos, que dispón de material fotográfico e audiovisual sobre o patrimonio xeolóxico subterráneo das Montañas do Courel.
A derradeira xornada serviu aos observadores para coñecer, entre outros puntos, a aldea rehabilitada da Seara, a Estación Científica do Courel, e varios restos de glaciares.
COLABORACIÓN DA XUNTA E DA DEPUTACIÓN
O proxecto da Asociación  para a promoción territorial Montañas do Courel conta co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo. O organismo provincial asinou este mes un convenio de colaboración por importe de 25.000 euros, para financiar a posta en marcha de traballos de sinalización, así como a creación de novas rutas turísticas, a organización de xornadas de estudo do territorio, e a elaboración dunha guía turística. Pola súa banda, o primeiro día da visita dos observadores, o delegado da Xunta en Lugo asinou coa Asociación un convenio de 32.000 euros para promover e difundir o proxecto do xeoparque. Este convenio súmase a outras actuacións da Xunta para arranxar miradoiros, sinalizar puntos de interese e organizar xornadas técnicas. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio