A Pobra do Brollón recupera o seu pasado histórico na V Feira Guímara

• A celebración festiva ocupará a xornada do sábado 7 de xullo • O pregoeiro deste ano será o escritor Lois Diéguez

A ambientación de época recrea na Pobra o enfrontamento entre os enviados do Conde de Lemos e o pobo guímaro, defensor dos seus dereitos fronte ao abuso da nobreza. Arquivo EC

A Pobra do Brollón celebra o sábado 7 de xullo a cita anual co seu pasado histórico. A V Feira Medieval Guímara traerá ao presente as reivindicacións do pobo guímaro fronte aos abusos do Conde de Lemos, nunha xornada festiva con ambientación medieval e actividades para todos os públicos no Campo da Feira.

DRAMATIZACIÓN DA REVOLTA GUÍMARA
A V Feira Medieval Guímara iniciarase ás once e media co pregón inaugural, a cargo do escritor Lois Diéguez. A recreación da revolta guímara contra as hostes do conde de Lemos terá lugar ás doce, escenificada polos propios veciños e veciñas da Pobra do Brollón. Ás doce e media, os visitantes poderán desfrutar dun espectáculo de cetrería, así como de demostracións de oficios tradicionais. Nesta edición, o gran protagonista será o traballo do ferro, moi vencellado á historia e á cultura tecnolóxica deste municipio.
Os pasarrúas do grupo Alecrín amenizarán a xornada matinal, e ás dúas comezará o xantar popular no propio Campo da Feira, con previa recollida de tarxetas no restaurante Avenida.
Numeroso público acude cada ano á Feira Guímara da Pobra do Brollón, que reúne artesanía e actividades de lecer. Arquivo EC
QUEIMADA POPULAR
A tarde virá chea de animación. Ás cinco e media, actuará o paiaso malabarista Isla Letrista, e ás seis e media retomaranse as demostracións dos oficios. A esta hora, comezarán os xogos tradicionais, ás sete haberá tiro con arco, e ás oito outra sesión de cetrería. A música virá da man do grupo Euforium ás nove, e o fin de festa correrá a cargo de Queimán e Pousa, ás once da noite, para rematar cunha queimada popular.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte de Lemos celebra unha nova edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra

Seguinte Nova

Bóveda celebra a XVI Feira Tradicional Outrora en Rubián

Últimas noticias sobre EVENTOS

A %d blogueros les gusta esto: