Monforte de Lemos celebra unha nova edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra

Un total de 24 adegas da Denominación de Orixe participan nesta segunda edición

O Paseo do Malecón é o entorno no que se celebra a segunda edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra, durante os días 6, 7 e 8 de xullo. Arquivo EC
Monforte de Lemos volve a exercer como capital da Ribeira Sacra, coa celebración do Festival do Viño, os días 6, 7 e 8 de xullo. Na segunda edición desta cita cos viños participan 24 adegas das cinco subzonas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que ofrecen os seus caldos nos stands situados ao longo do Paseo do Malecón, un entorno privilexiado xunto ao río Cabe.
AMBIENTE FAMILIAR NUNHA CITA CON EVENTOS PARA TODAS AS IDADES
O Festival do Viño da Ribeira Sacra inclúe unha ampla oferta lúdica, cultural e gastronómica ao longo de toda a fin de semana, con actividades para todos os públicos.
VIÑORRUTAS PARA ABRIR O FESTIVAL DO VIÑO DA RIBEIRA SACRA
A xornada do venres 6 de xullo iníciase cunha das cinco ViñoRutas deseñadas específicamente para esta celebración. A primeira cita do Festival é un percorrido polo Miño, para coñecer a igrexa de Diomondi, e gozar dunha etapa de sendeirismo polos Codos de Belesar, ademais dunha viaxe en barco e da visita a dúas adegas en Chantada.
VIÑORRUTAS POLO SIL E O VAL DE QUIROGA
Xa pola tarde, están previstas outras dúas ViñoRutas, esta vez polo Sil e o Val de Quiroga. O trazado do Sil integra a ruta de sendeirismo “Pasarelas do Mao” na Teixeira, completada coa visita ao castelo de Castro Caldelas, e a dúas adegas con cata comentada. No caso da ruta polo Val de Quiroga, o percorrido ofrece unha visita ás adegas centenarias de Vilachá de Salvadur e ao Miradoiro da Capela, ademais de coñecer o muíño artesanal de aceite de Bendilló, e facer unha visita a unha adega de Quiroga.
DOUS CONCERTOS NA PRIMEIRA NOITE DO FESTIVAL
Ás 18,00 horas do venres, terá lugar a apertura dos stands no Paseo do Malecón, e media hora máis tarde procederase á inauguración oficial do Festival do Viño da Ribeira Sacra. A noite traerá a música, cos concertos de Najla Shami ás 22,30 horas, e de Sons do Douro ás doce.
A ARTESANÍA, PROTAGONISTA DO SÁBADO
A segunda ViñoRuta polo Miño terá lugar o sábado 7 de xullo a primeira hora da mañá, con visita a dúas adegas e ao Ecomuseo de Arxeriz, ademais de facer parada na igrexa románica de Eiré, en Pantón, e noutra adega deste municipio.
Ás 11 da mañá abriraranse os stands de artesanía, e dende as doce ata as dúas da tarde, desenvolverase un obradoiro de alfarería tradicional de Gundivós.
Na tarde do sábado, está organizada a quinta ViñoRuta, esta vez cun novo percorrido polo río Sil, que inclúe o tramo de sendeirismo “Pena do Castelo” en Doade, coa posterior viaxe no tren Aba Sacra polos viñedos dende Doade ata Abeleda, para rematar coa visita a unha adega e ao Centro de Alfarería de Gundivós.
OBRADOIROS E MÚSICA PARA COMPLETAR O SÁBADO
A tarde do sábado está chea de actividades. De seis a sete, desenvolverase o obradoiro sensorial “Xogo de sabores”, e de sete a oito un taller tradicional de contacontos, a cargo de Anxo Moure.
A música voltará pola noite, nos concertos de Davide Salvado e Pedro Pascual ás dez e media, e da Banda da Loba ás doce.
DOUS OBRADOIROS PARA POÑER FIN AO FESTIVAL DO VIÑO DA RIBEIRA SACRA
O domingo 8 de xullo, logo da apertura dos stands, haberá unha nova quenda do taller sensorial “Xogo de sabores”, de once a doce. Xa á unha, terá lugar o acto oficial de clausura do Festival do Viño da Ribeira Sacra. A xornada rematará cun obradoiro de manualidades a cargo de Imaxinatia, de unha a dúas da tarde. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Convocada a edición número 12 do Certame de Investigación Condado de Pallares

Seguinte Nova

A Pobra do Brollón recupera o seu pasado histórico na V Feira Guímara

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: