Crónica del sur de Lugo

Botan a andar os campamentos de verán nos municipios do sur de Lugo

 

O Campamento de Verán que organiza o Concello de Bóveda está destinado a nenos e nenas entre 3 e 14 anos. (Foto cedida).
No mes de xullo inícianse as programacións e campamentos de verán nos diversos concellos do sur lucense. Estas iniciativas inclúen actividades especialmente deseñadas para os máis cativos, co obxectivo de ofrecer un lecer saudable e compartido, ao tempo que se facilita a conciliación da vida laboral e familiar.

CAMPAMENTO DE VERÁN EN BÓVEDA

O Concello de Bóveda ten aberto ata o martes 26 de xuño o prazo de inscrición no Campamento de Verán. Esta iniciativa municipal ofrece 30 prazas para desfrutar dunha opción de lecer e diversión durante as vacacións escolares, ao tempo que facilita a conciliación familiar e laboral.
O Campamento de Verán está deseñado para rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos. As actividades que integran o Campamento de Verán desenvolveranse do 1 ao 31 de xullo, en horario de 9,30 a 14,00 horas.
Para información sobre actividades e inscrición, están dispoñibles os teléfonos 982 426177 e 618 654078, e o correo cultura@concellodeboveda.com.
Dentro das actividades para os máis cativos, o Concello de Bóveda organiza a festa de fin de curso, o venres 22 de xuño ás 19,30 horas. O Centro Sociocultural acolle unha sesión de música tradicional, ademais dunha merenda e o espectáculo “A biblioteca máxica”, a cargo de Payaso Piruleta & Cía. •

ACTIVIDADES PARA TODOS NO PROGRAMA DE VERÁN DE PANTÓN

O 19 de xuño, escolares do CEIP Monte Baliño de Pantón desfrutaron dun roteiro polos escenarios literarios de Manuel María e Xosé Lois García. Ademais de ler poemas, visitaron lugares como o castro de Pantón, o castelo de Maside ou o Mosteiro de Ferreira. (Foto cedida).

A Programación de Verán do Concello de Pantón iniciouse o día 19 deste mes cun roteiro poético para o alumnado do CEIP Monte Baliño, actividade que volve a celebrarse, para o público en xeral, o sábado 23 de xuño, con saída ás 9 da mañá dende a Praza do Concello.
O domingo 24 terá lugar no xardín do Mosteiro das Bernardas a presentación da guía “Pantón: Naturaleza, arte y espíritu”, coa actuación de Eugenia Sanmartín, a partir das sete da tarde. Para o público familiar está pensada a actividade do sábado 30, data na que actuará o Mago Carlos. Será ás 22,30 horas, na Praza do Concello en Ferreira.
Xa no mes de xullo, a Praza do Concello acollerá, o sábado día 7 ás 22,30 horas, a actuación do grupo etnográfico As Mariñas, procedente de Ferrol. No mesmo espazo, terá lugar o sábado 14 de xullo a actuación do grupo Aureas, dende as 23 horas. A programación en xullo completarase coa actividade “O Cataventos”, na Biblioteca Municipal, o martes 24 ás 12 horas.•

CAMPAMENTOS DE VERÁN EN QUIROGA

As piscinas de Quiroga centran parte da actividade dos Campamentos de Verán que organiza o Concello durante os meses de xullo e agosto. Arquivo EC

O Concello de Quiroga organiza os Campamentos de Verán, para nenos e nenas de 3 a 12 anos. As actividades dos Campamentos de Verán iniciaranse o luns 2 de xullo, e prolongaranse ata o venres 31 de agosto. O horario abrangue dende as 11 ata as 14 horas.
Os Campamentos de Verán de Quiroga inclúen actividades variadas, dende reciclaxe ata manualidades, con obradoiros, xogos e piscina.
As persoas interesadas poderán anotarse na Casa da Cultura ata o venres 29 de xuño. •

Arranca o Programa de Verán de Quiroga

Dende finais do mes de xuño está en marcha en Quiroga o Programa de Verán 2018, que organiza o Concello. A tradicional celebración do San Xoán, o sábado 23 de xuño, ofrecerá sardiñada, fogueira e música a cargo da Banda de Gaitas San Martiño, acompañada do grupo de danza desta mesma formación. O mesmo sábado 23 quedará inaugurada a tempada de verán nas piscinas municipais de Quiroga.
Os días 26, 27 e 28 de xullo, terá lugar un obradoiro de cómic e debuxo para nenos, organizado pola Área de Educación.
Xa no mes de xullo, continuará exposta a mostra de fotografía da Asociación Albores, que vén de percorrer diversos municipios da Ribeira Sacra.
Ademais, o 1 ao 17 desenvolverase o Xeocampo de Traballo de Quiroga, en colaboración coa Xunta de Galicia.
O deporte ocupará un lugar privilexiado nas actividades estivais de Quiroga. De martes a xoves, o pavillón municipal acollerá as Pachangas do Verán, e do 6 ao 9 de xullo disputarase o Torneo Fútbol Sala Festas de Verán, organizado pola Área de Deportes. A competición continuará o 14 e 15 de xullo, co III Torneo Futsal Feminino Val de Quiroga.
Os máis novos tamén poderán desfrutar e aprender nos seus días de vacacións, con varias citas deportivas pensadas para eles. Do 9 ao 14 de xullo, terá lugar o XII Campus de Fútbol, e do 16 ao 20, o I Campus de Voleibol Concello de Quiroga.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio