Crónica del sur de Lugo

40.000 euros da Deputación para arranxar a galería do edificio de La Unión en Sarria

•Este espazo nunca se acondicionou dende a construción do inmoble no século XIX

O deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, coa alcaldesa de Sarria, Pilar López, e o presidente de La Unión, José Quiñoá, anunciaron o arranxo deste emblemático edificio, o 31 de maio. GPDL
A sociedade cultural e recreativa La Unión de Sarria acometerá diversos arranxos na súa sede, para o que contará cunha aportación económica de 40.000 euros da Deputación. Segundo explicaron dende o organismo provincial, esta achega servirá para custear boa parte do arranxo da galería deste histórico edificio, que data do século XIX e que forma parte do patrimonio arquitectónico de Sarria. O importe da obra ascende a 48.000 euros.
“CONSERVAR O PATRIMONIO DE SARRIA” E “O LEGADO DOS NOSOS MAIORES”
O deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, deu a coñecer os detalles das obras nun acto celebrado diante da sede de La Unión en Sarria, o pasado 31 de maio. O responsable provincial cualificou esta achega de “investimento na conservación do patrimonio de Sarria”, e xustificou a axuda “polo compromiso que temos dende o Goberno da Deputación coa provincia”, xa que “queremos manter o que nos legaron os nosos maiores para que tamén o poidan desfrutar as futuras xeracións”.
Logo de proceder á sinatura dunha addenda ao convenio establecido entre a Deputación e a entidade sarriana, o responsable provincial destacou a importancia de “manter a vitalidade” do tecido asociativo lucense. Santos Ramos puxo a La Unión como exemplo de sociedade “con moita tradición e gran implantación en Sarria”, que desenvolve na súa sede un importante número de actividades de acceso libre.
ARRANXO CON “ANOS” DE ESPERA
Pola súa banda, o presidente de La Unión, José Quiñoá, agradeceu á Deputación “todo o apoio que nos dá para levar a cabo estas obras tan importantes que levamos anos querendo facer”. Quiñoá precisou que os arranxos van permitir “consolidar o edificio, seguir mellorando os espazos para actividades, e axudar ao embelecemento do pobo de Sarria”.
LA UNIÓN, ENTIDADE “ABERTA A TODO O POBO”
No acto tamén estivo presente a alcaldesa de Sarria, Pilar López. A rexedora destacou que a achega da Deputación non só beneficia aos socios de La Unión senón “a todos os sarriaos, porque este edificio é un dos máis emblemáticos e fermosos que hai en Sarria”. Pilar López salientou o “carácter aberto a todo o pobo” que amosa esta sociedade. “Pola súa sede pasan moitos veciños que participan nas actividades organizadas polo Concello, moitas das cales se celebran aquí”, precisou. •
Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio