Crónica del sur de Lugo

A Deputación aprobou máis de 25 millóns en investimentos

•A proposta incorpora aos Orzamentos de 2018 un total de 4,2 millóns de remanentes  •Os restantes 21 millóns irán polo Plan Único

Imaxe do Pleno provincial do mes pasado, no que se aprobaron os novos investimentos. GPDL
O Pleno provincial do mes pasado aprobou novos investimentos para toda a provincia, por un valor total que supera os 25  millóns de euros. Inicialmente, o Goberno da Deputación preparou unha proposta de 21 millóns, que se viu completada por unha iniciativa para incorporar aos Orzamentos de 2018 outros 4,2 millóns de remanentes.
PROTECCIÓN CIVIL E E-ADMINISTRACIÓN
Na proposta inicial, o Goberno da Deputación consignou 21 millóns, que se canalizarán a través do Plan Único. Neste sentido, o presidente da Deputación, Darío Campos, destacou que este Plan contribúe “ao mantemento dos Grupos de Protección Civil tralos recortes da Xunta”, así como ao “impulso da e-administración”, co obxectivo de que “os veciños poidan realizar máis trámites por internet”.
21 MILLÓNS A TRAVÉS DO PLAN ÚNICO
Campos Conde explicou o detalle destes investimentos que se materializarán dentro do Plan Único. Así, os 21 millóns servirán para financiar 307 novas obras de mellora de servizos públicos, e 200.000 horas de atención profesional a través do Servizo a Domicilio a persoas non dependentes. Os fondos provinciais tamén se destinarán, segundo Campos Conde, a xerar outros 240 novos postos de traballo, así como a apoiar 44 actividades culturais, outras 84 deportivas e 79 accións turísticas en toda a provincia.
REMANENTES
A proposta do Goberno provincial de incorporar 4,2 millóns de euros de remanentes aos Orzamentos deste ano vai destinada a diversas actuacións. Entre as accións máis salientables, a Deputación achegará 200.000 euros para dotar dunha canceira á zona sur de Lugo. Este servizo instalarase en Monforte, para cubrir as necesidades de 22 municipios da contorna. Outros 250.000 euros irán a un plan de sinalización intelixente para potenciar o turismo. Así mesmo, a Deputación achegará 100.000 euros a un plan de marquesiñas no rural, e outros 50.000 euros servirán para un plan de dotación de desfibriladores nos concellos. Tamén hai unha partida de 2,3 millóns para transferencias aos concellos coas que atender as súas necesidades, e outros 300.000 para a recuperación de terreos baldíos no rural. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

     
Ir a Inicio