Crónica del sur de Lugo

Presentan a segunda edición do Festival 17º Ribeira Sacra

•Esta cita internacional celebrarase en espazos emblemáticos de sete concellos do 27 de xullo ao 5 de agosto

Responsables institucionais e da organización presentaron no embarcadoiro de Doade a segunda edición do Festival 17º Ribeira Sacra, o pasado 31 de maio. GPDL
“Moi potente” é o calificativo co que se presentou a segunda edición do Festival 17º Ribeira Sacra, en palabras do seu director, Carlos Montilla. A cita musical desenvolverase durante dúas fins de semana, do 27 de xullo ao 5 de agosto, en espazos singulares de sete concellos da Ribeira Sacra. Os detalles do Festival foron dados a coñecer nun acto celebrado no embarcadoiro de Doade o 31 de maio, coa presenza de varios alcaldes da contorna e do presidente da Deputación.
EXPERIENCIA QUE REÚNE VIÑO, PAISAXE E MÚSICA EN DIRECTO
Monforte de Lemos, Chantada, Sober, Ourense, Castro Caldelas, A Teixeira e Nogueira de Ramuín acollerán os diversos concertos, en escenarios naturais e monumentais de especial relevancia no territorio. Deste xeito, o Festival 17º Ribeira Sacra propón “unha experiencia ao redor da música en directo e do viño, nunha zona de excelencia vitivinícola, e tamén do patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra”, precisou Montilla.
O mapa musical desta edición inclúe como escenarios para os concertos o Parador de Monforte, o Mirador de Santiorxo, o Castelo de Castro Caldelas, o Parador de Santo Estevo e a Praza de España de Chantada. As localizacións musicais complementaranse con visitas guiadas polos municipios, así como ás adegas Rectoral de Amandi, Regina Viarum, Rectoral de Gundivós e Adega Algueira. Nestes espazos, os visitantes poderán participar en catas comentadas con degustación de produtos típicos.
COQUE MALLA, CABEZA DE CARTEL
O cartel musical, “moi variado”, segundo destacou o director do evento, estará encabezado por Coque Malla, artista con máis de 30 anos de carreira dende os seus inicios cos Ronaldos. Malla presentará o seu último traballo, titulado “Irrepetible”. Montilla tamén anunciou a presenza nos escenarios da Ribeira Sacra de Elvis Perkins, cantautor e guitarrista de folk pop indie ao que comparan con lendas do calibre de Bob Dylan ou Leonard Cohen. Ademais, o programa do Festival 17º Ribeira Sacra contará coas actuacións de Freedonia, De Vacas, Ghost Beast, Fuckaine, Puerto Candelaria e Ten Fé, entre outros intérpretes.
ESPÉRANSE MÁIS DE 3.500 PERSOAS
En canto ao impacto deste Festival na zona, dende a organización esperan máis de 3.500 persoas de toda Galicia, o que suporá un volume de negocio para a provincia de máis de 250.000 euros, así como máis de 60 postos de traballo directos e indirectos.
PATROCINADORES DO EVENTO
O Festival 17º Ribeira Sacra conta co apoio de todos os concellos que acollen espectáculos do programa, así como do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Agadic e Galicia Calidade. Ademais, o Concello de Monforte aportou 5.000 euros e a cesión de espazos para acampada, mentres que a Deputación de Lugo achegou máis de 24.000 euros, “dentro da súa aposta por impulsar o turismo e a economía da zona”, segundo precisou en Doade o presidente do organismo provincial, Darío Campos.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

     
Ir a Inicio