Todo listo en San Clodio para celebrar a XVI Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil

•A Praia Fluvial encherase de animación, artesanía e sabores na fin de semana do 9 e 10 de xuño

A paisaxe da Praia Fluvial de San Clodio funciona como escenario de gran beleza para os eventos da XVI Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil. Arquivo EC
Ribas de Sil ofrece unha opción lúdica e gastronómica coa XVI Festa da Cereixa e do Aceite, que terá lugar en San Clodio os días 9 e 10 de xuño. Un total de 1.500 quilos de cereixa e 300 litros de aceite, procedentes da zona de Figueiredo, darán cor e sabor a unha axenda chea de actos na contorna da Praia Fluvial de San Clodio.
FÚTBOL, LIBROS E PINTURA O SÁBADO 9
A programación deste ano iniciarase o sábado día 9 cos pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas de Ribas de Sil, que dará paso á sesión matinal de degustación de cereixas.
Xa pola tarde, o tirón da Festa aproveitarase para levar a cabo unha actividade de concienciación sobre reciclaxe. A partir das cinco, estará aberto o stand da campaña «Separa con xeito», promovida por Ecoembres e a Xunta de Galicia.
Ás seis, terá lugar a cita coa creatividade na Aula de Pesca. No exterior, desenvolverase unha sesión de pintura ao aire libre, mentres que dentro estará aberta a exposición dos traballos realizados ao longo do curso polo alumnado da Escola Municipal. A mostra poderase ver toda a fin de semana.
A xornada da tarde completarase coa presentación, ás sete, do libro titulado «Loyda», adicado á aldea de Vilardomato, e do que é autora Loyda López Pérez.
O deporte chegará ás sete e media, coa disputa do 11º Trofeo de Fútbol da Cereixa, na Área Deportiva da Praia Fluvial. A partir das oito e media, a festa estará amenizada por un grupo musical.
A cereixa e o aceite de Figueiredo, en Ribas de Sil, atraen cada ano a centos de visitantes a esta celebración. Arquivo EC
PREGÓN CON FIDEL FERNÁN
A xornada do domingo 10 de xuño comezará na Praia Fluvial con degustación de cereixas e produtos típicos, animada polos pasarrúas do Grupo de Gaitas da Escola de Música de Ribas de Sil. Ás doce, actuará a Banda de Música da Deputación de Lugo, dentro do programa provincial Musiqueando. A lectura do pregón será á unha do mediodía, a cargo de Fidel Fernán, xornalista e director de Radio Principal-Cadena Ser.
Poal tarde, a programación xirará en torno á artesanía. O anfiteatro da Praia Fluvial acollerá ás cinco unha demostración de talla de madeira, a cargo do artesán Marcos Ladra Sanjurjo. Xa ás sete, e para poñer fin á Festa, terá lugar a actuación de Títeres Alakrán, que ofrecerá un espectáculo musical con marionetas de fío.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

En marcha as obras de acondicionamento da estrada entre Escairón e Pesqueiras

Seguinte Nova

A Deputación inaugurou o Centro de Recría na Granxa Gayoso Castro

Últimas noticias sobre EVENTOS

A %d blogueros les gusta esto: