154 persoas comezan este mes a traballar dentro do programa provincial Ben Empregado 4

•O 10% destes novos traballadores terán contratos indefinidos, e o 90% estarán a xornada completa

O presidente da Deputación, Darío Campos, acompañado pola deputada de Promoción Económica, Sonsoles López, e o voceiro do Goberno provincial, Álvaro Santos, recibiu en San Marcos aos novos contratados dentro do programa Ben Empregado 4, o pasado 15 de maio. GPDL

O programa Ben Empregado 4, posto en marcha pola Deputación de Lugo, vén de ofrecer unha oportunidade laboral a 154 lucenses que estaban no paro.

RECEPCIÓN EN SAN MARCOS
Nas últimas semanas de maio, estes desempregados incorporaranse a un posto de traballo en empresas e entidades lucenses, dentro do programa Ben Empregado 4. O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, deu a benvida aos 154 novos traballadores nun acto celebrado no Pazo de San Marcos de Lugo o 15 de maio, e que serviu para que coñeceran aos representantes dos colectivos e empresas nos que van traballar, para proceder a suscribir os contratos. O mandatario provincial destacou que o 10% destes novos contratos serán indefinidos, e o 90% dos traballadores desta quenda estarán contratados a xornada completa.
«ALTO NIVEL» DE INSERCIÓN LABORAL, DO 35%, NAS DÚAS PRIMEIRAS EDICIÓNS
Campos Conde lembrou que nas dúas primeiras edicións do Ben Empregado acadouse unha inserción laboral do 35%, «polo que 171 persoas continúan a día de hoxe nos seus postos de traballo, cando xa rematou o periodo de un ano subvencionable por parte da Deputación». O mandatario provincial amosou a súa esperanza de que esta «alta» porcentaxe de inserción, «que non acadan os plans de calquera outra institución», siga medrando. Para que isto se consiga, Campos Conde apelou á «imprescindible implicación» de traballadores e empresarios. Co apoio da Deputación, «xuntos podemos demostrar que é posible facer fronte ao paro con políticas que xeren empregos dignos e de calidade», precisou.
Nesta liña, Campos Conde criticou o «emprego precario» que están a xerar as administracións «con competencias na materia», en referencia ao Goberno central e á Xunta de Galicia. O mandatario provincial lembrou que dos case 20.000 contratos asinados na provincia durante o primeiro trimestre de 2018, o 87,3% son temporais, «algúns só de un día ou unhas horas».
Campos Conde salientou a importancia das iniciativas da Deputación no fomento de emprego, e lembrou os 2,2 millóns investidos no Ben Empregado 4. •

72 alumnos recibiron formación no Campus de Emprendemento Sostible

•As edicións anteriores deron lugar a 21 novas empresas na provincia

O vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, cos alumnos do CFEA Alta Montaña de Becerreá,logo da entrega dos diplomas do Campus de Emprendemento Sostible. GPDL

A nova edición do Campus de Emprendemento Sostible vén de ofrecer formación a 72 alumnos de centros públicos da provincia que ofrecen ciclos sobre produción agropecuaria, xestión forestal e do medio natural. Esta iniciativa da Deputación de Lugo inclúe formación teórica e visitas á empresas, para que o alumnado coñeza en directo o funcionamento dun proxecto empresarial, da man dos seus promotores, dentro dos territorios da Reserva da Biosfera Terras do Miño.

A mediados deste mes, tivo lugar a entrega de diplomas aos 54 alumnos e alumnas do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá, que cursan o ciclo superior de Xestión e Organización de Recursos Naturais e Paisaxísticos, e o ciclo medio de Traballo Forestal e Conservación do Medio Natural. Tamén recibiron os diplomas do Campus de Emprendemento Sostible 18 estudantes do IES San Rosendo de Mondoñedo, que cursan os ciclos medios de Xardinería e Floraría, Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e o superior de Xestión Forestal e Medio Natural.
APRENDER A EMPRENDER
Na formación en motivación e xeración de ideas, e en maduración de proxectos empresariais, os participantes coñeceron as diversas tipoloxías de empresas con valores sociais e medioambientais, obxectivo deste Campus, así como a viabilidade deste tipo de negocios. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta apoia con 2,6 millóns a contratación de 346 persoas nos concellos lucenses

Seguinte Nova

En marcha as obras de acondicionamento da estrada entre Escairón e Pesqueiras

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: