A Deputación investiu 4,5 millóns do Plan Único nas comarcas de Lemos, Chantada e A Ulloa, e outros 2 millóns na de Sarria

•O deputado de Relacións Institucionais destacou que este investimento busca «mellorar a calidade de vida dos veciños destes municipios»

O presidente da Deputación, Darío Campos, cos alcaldes da comarca de Sarria e do centro, o 16 de maio en San Marcos.GPDL
O Goberno provincial vén de facer balance dos investimentos do Plan Único nas comarcas do sur lucense, nun acto aberto ao público que tivo lugar no Centro do Viño de Monforte o pasado 15 de maio. O deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, repasou os detalles duns investimentos que acadaron os 4,5 millóns de euros «co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos 54.000 veciños dos 14 concellos» das comarcas de Lemos, Chantada e A Ulloa.
POR COMARCAS
Os seis municipios do Val de Lemos e os concellos de Quiroga e Ribas de Sil recibiron do Plan Único máis de 2,6 millóns de euros. A partida global para os tres municipios da comarca chantadina foi de algo máis dun millón, e os tres concellos da Ulloa sumaron case 950.000 euros a través do Plan Único.
Un balance similar foi o presentado polos responsables do Goberno provincial en San Marcos, o día 16, no que se detallaron as achegas do Plan Único da Deputación aos concellos da comarca de Sarria. En total, os sete municipios sarriaos recibiron máis de 2 millóns de euros a través deste plan provincial.
O deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, xunto ao alcalde de Monforte, José Tomé, e os membros do Goberno provincial Pilar García e Miguel Ángel Sotuela, no acto celebrado no Centro do Viño o 15 de maio. GPDL
REPARTO DOS FONDOS CON CRITERIOS «OBXECTIVOS»
Santos Ramos destacou que «este Goberno provincial traballa por unha Deputación coas persoas, social e rural», de aí que, segundo o deputado socialista, se teñan posto en marcha programas «que buscan atender por igual ás necesidades de todos os lucenses». Santos Ramos explicou que os 21 millóns do Plan Único 2018 repartíronse entre os 67 concellos lucenses seguindo os criterios obxectivos de poboación, superficie, entidades poboacionais, taxa de paro e índice de envellecemento.
INVESTIMENTOS
Na comarca de Lemos, a metade dos fondos do Plan Único 2018 destinouse a executar 30 obras de mellora de servizos públicos, cun importe total algo superior aos 1,6 millóns de euros. A partida de obras na comarca chantadina foi de preto de 800.000 euros, para 14 proxectos de mellora. Na Ulloa, executáronse 18 obras con cargo ao Plan Único, con case 550.000 euros. A partida para as 48 obras executadas na comarca de Sarria ascendeu a 1,4 millóns.
Ademais, os fondos do Plan Único 2018 serviron para financiar un total de 54.130 horas do Servizo a Domicilio, e para xerar 92 novos postos de traballo nos concellos do sur lucense. Así mesmo, o organismo provincial apoiou con este Plan a organización de diversos eventos culturais e deportivos. •

REPARTO DOS FONDOS DO PLAN ÚNICO POR CONCELLOS NO SUR DE LUGO

•O 78% DO CUSTE DAS OBRAS DAS RÚAS CONDE E ESTRELA EN MONFORTE FINANCIOUSE CO PLAN ÚNICO

Darío Campos supervisou as obras nas rúas Conde e Estrela de Monforte na súa apertura ao tráfico, o 18 de maio. GPCM

• O 18 de maio quedaban abertas ao tráfico en Monforte as rúas Conde e Estrela. As obras, que se iniciaron en xaneiro, tiveron un custe de 250.327 euros, dos que 196.700 procedían do Plan Único da Deputación. Os restantes 53.627 euros foron custeados polo Concello con fondos propios do orzamento de 2017. O proxecto incluiu a eliminación de barreiras arquitectónicas, e a renovación do pavimento con tratamento diferente na zona peonil e na de tráfico rodado. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Festival do Viño da Ribeira Sacra celebrarase no Malecón de Monforte os días 6, 7 e 8 de xullo

Seguinte Nova

Continúan os actos das XXXI Xornadas da Rota do Románico en Pantón

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: