Feijóo e De la Serna presentaron a nova conexión ferroviaria Lugo-Ourense

•O presidente da Xunta acompañou ao Ministro de Fomento na viaxe entre Sarria e Lugo

O ministro de Fomento, Iñigo de la Serna, acompañado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, realizou a viaxe entre Sarria e Lugo, xunto a outras autoridades, como o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e a alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez. GPXG
Máis de 1.000 millóns de euros é a cifra comprometida polo Goberno central para a conexión ferroviaria Lugo-Ourense coa alta velocidade. A presentación da folla de ruta desta infraestrutura tivo lugar na subdelegación do Goberno en Lugo, o pasado 7 de maio, nun acto que contou coa presenza do ministro de Fomento, Iñigo de la Serna. Previamente, o ministro realizou unha viaxe en tren dende Sarria ata a cidade da Muralla, acompañado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entre outras autoridades.
VIABILIDADE «ASEGURADA MÁIS ALÁ DO PAPEL»
Na presentación, o titular da Xunta destacou que a nova infraestrutura Lugo-Monforte de Lemos-Ourense conta xa cunha «completa planificación que acredita a realidade con proxectos tecnicamente definidos e obras valoradas e recollidas en orzamentos que aseguran a súa viabilidade máis alá do papel». Núñez Feijóo salientou que é «un compromiso palpable», materializado «nun tren en marcha que circula xa a través da variante da Pobra de San Xiao de Láncara». O titular autonómico puxo de manifesto que esta renovación da liña de ferrocarril entre Lugo e Ourense vaise notar na «comodidade, velocidade dos percorridos e na seguridade», grazas á supresión de pasos a nivel.
DETALLES DO PROXECTO
Segundo o documento presentado por Fomento, actualmente está encargada a redacción do proxecto da infraestrutura, por 1,7 millóns de euros. En fase de redacción atópase o proxecto de renovación da vía completa. En canto á anunciada supresión de 36 pasos a nivel, está en marcha o proceso de adxudicación para a redacción dos proxectos en nove lotes, por preto de 2,3 millóns. A electrificación da vía está planteada en dúas fases, aínda en redacción, entre Lugo e Monforte, e entre a cidade do Cabe e Ourense. En total, a renovación da infraestrutura completa e a electrificación entre da liña entre as dúas capitais provinciais conta cun investimento de 283 millóns de euros.
En canto aos trazados, Fomento está a valorar cinco alternativas para a variante Os Peares-Canabal, unha con vía única e outras catro con dobre vía. No tramo Lugo-Monforte, a variante de Rubián plantea unha alternativa de vía única, e outras dúas de dobre vía.
Segundo as opcións que se escollan, o orzamento final para todo o proxecto oscilará entre os 1.189,33 e os 1.674,33 millóns de euros.
CRÍTICAS DO PSOE
Logo da presentación do proxecto da conexión Lugo-Ourense, o secretario xeral do PSOE na provincia, Álvaro Santos, afirmou que «Feijóo e De la Serna constataron que o PP renunciou a que o AVE chegue a Lugo». Santos criticou que ambos mandatarios «aseguraran publicamente que en 2021 a viaxe en tren Lugo-Madrid leve 4 horas, mentres A Coruña-Madrid, que está a maior distancia, leve 3 horas».
O socialista alertou de que «en dous anos, o PP estafou aos lucenses 20 millóns para o tren, entre os 13 millóns de 2017 que non executaron, e o recorte de 7 millóns deste ano».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Tradición e calidade daranse a man na celebración da Mostra do Aceite de Quiroga

Seguinte Nova

A formación para desempregados contará con 26,6 millóns de euros da Xunta

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: