Viños e románico enchen Pantón de festa, cultura e tradicións

• Na fin de semana do 12 e 13 de maio terá lugar a XXV Mostra dos Viños da Ribeira Sacra de Pantón • As XXXI Xornadas da Rota do Románico desenvolveranse ata finais de xuño

Presentación da XXV Mostra dos Viños da Ribeira Sacra de Pantón. EC
Pantón inicia estes días unha ronda de festexos para celebrar a súa cultura monumental, enolóxica e paisaxística. O 12 e 13 de maio, terá lugar en Ferreira a XXV Mostra dos Viños da Ribeira Sacra de Pantón, e ao longo de maio e xuño desenvolveranse os actos das XXXI Xornadas da Rota do Románico.
O PROGRAMA DA TVG “AQUÍ GALICIA”, EN DIRECTO O SÁBADO DENDE FERREIRA
O sábado á unha da tarde quedará inaugurada a XXV Mostra dos Viños da Ribeira Sacra de Pantón, coa presenza de Ramón Carballo, subdelegado do Goberno en Lugo. Á unha e media, veciños, visitantes e autoridades participarán dende Ferreira no Brindis do Viño simultáneo en toda España, con motivo do Día Movemento Viño D.O.
Á hora do xantar arrancará a III Festa da Empanada, no recinto do Castro, con venda de empanadas e produtos da terra. A música comezará ás catro, con varios pases a cargo da charanga Támega, Xograres de Lemos, e o grupo de percusión Xituma Batuke. Ademais, de catro e media a sete e media, emitirase en directo dende Ferreira o programa “Aquí Galicia”, da TVG.
Ás once da noite, terá lugar o concerto pop rock do grupo América.
O ACTOR E MONOLOGUISTA CARLOS BLANCO, PREGOEIRO EN PANTÓN
A mañá do domingo abrirase cos pasarrúas a cargo da banda de gaitas O Castro. Logo da recepción de autoridades no recinto feiral, procederase á lectura do pregón, este ano a cargo do actor e monologuista Carlos Blanco.
Na tarde, voltará a música coas charangas XL e Fuego, e a banda de gaitas O Castro. Dende as sete e media, actuará a orquestra Costa Dorada, que porá fin á festa do viño en Ferreira.
NOVIDADES DESTA MOSTRA DOS VIÑOS DE PANTÓN
Un dos atractivos desta edición da XXV Mostra dos Viños da Ribeira Sacra de Pantón será a degustación dun porco ao espeto no recinto feiral. Ademais, as rutas de sendeirismo que organiza o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra terán como punto final Pantón, para dar a coñecer aos sendeiristas este evento enolóxico.
Presentación das XXXI Xornadas da Rota do Románico, co alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, e a profesora Flora Enríquez, o pasado 8 de maio. EC
ARTE, HISTORIA E DEPORTE NAS XORNADAS DO ROMÁNICO
Aproveitando a Mostra dos Viños, Pantón bota a andar as XXXI Xornadas da Rota do Románico. Esta orixinal iniciativa, que mistura a posta en valor do territorio coa divulgación dos seus prezados recursos patrimoniais, inicia esta nova edición o 11 de maio, cunha conferencia a dúas bandas no  Edificio Sociocultural de Ferreira. Nesta ocasión, serán a profesora de Historia da Arte da USC Ana Goy, e o arquitecto Mario Crecente, os encargados de abrir as xornadas, coa conferencia “A Ribeira Sacra: Candidatura a Patrimonio Mundial”, a partir das oito.
A segunda cita co románico en maio terá lugar o día 25, no Salón de Actos do Concello de Pantón. Camiño Noia, profesora emérita de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo, falará sobre “As leccións dos contos populares galegos”.
A quenda de eventos do mes de maio culminará coa tradicional Carreira Popular Rota do Románico. A décimo oitava edición desta proba terá lugar o 26 de maio, con saída ás seis da tarde dende a Praza do Concello en Ferreira.
ACTOS DO ROMÁNICO PARA O MES DE XUÑO
A programación de xuño das XXXI Xornadas da Rota do Románico de Pantón iniciarase cunha conferencia de Teresa Moure, doutora en Historia da Arte, que falará sobre “O declive e desaparición dos mosteiros benedictinos femininos na Ribeira Sacra a finais da Idade Media”. Será o día 1 de xuño, ás oito, no Salón de Actos do Concello.
A música centrará a xornada do 10 de xuño, coa VII Edición da Sinfonía do Mosteiro. A velada estará a cargo do Grupo de Cámara Trío Provenza, na igrexa do Mosteiro de Ferreira.
A creación poética, a promoción turística e o sendeirismo pecharán o programa. O 17 de xuño presentarase a terceira edición de Pórticos do gozo (Poemas a Pantón), de Xosé Lois García. A poesía do chantadino unirase aos versos de Manuel María nun roteiro poético e artístico polas ribeiras do Miño, Sil e Cabe, o 23 de xuño. Ó día seguinte, presentarase a guía turística de Pantón elaborada por José Salgado, fotógrafo e xornalista. As Xornadas rematarán coa actuación da solista Eugenia Sanmartín, no Convento de Ferreira.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O IES Daviña Rey, na xornada educativa StemLab Galicia

Seguinte Nova

Tradición e calidade daranse a man na celebración da Mostra do Aceite de Quiroga

Últimas noticias sobre EVENTOS

A %d blogueros les gusta esto: