O IES Daviña Rey, na xornada educativa StemLab Galicia

O grupo de alumnos do IES Daviña Rey de Monforte que participaron na xornada StemLab Galicia, o 20 de abril. (Foto cedida).
Un grupo de alumnos e alumnas de 1º Bacharelato das materias optativas Tecnoloxía e Deseño, e Impresión 3D, participaron na xornada educativa StemLab Galicia, celebrada no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago o 20 de abril.
O IES DAVIÑA, UN DOS CENTROS QUE APOSTA POLA CIENCIA E A METODOLOXÍA COMPETENCIAL
Esta iniciativa, organizada pola Consellería de Educación, tivo como obxectivo dar visibilidade «á labor educativa que se está a realizar nos centros a prol da ciencia, a enxeñaría, a tecnoloxía e a matemática». Ademais,  os proxectos presentados polos centros educativos desenvolvéronse a través dunha metodoloxía que promove a «aprendizaxe competencial, activa e creativa».
Os estudantes do IES Daviña Rey estiveron acompañados por catro profesores, que tamén lles guiaron ao longo da elaboración do proxecto «PeixeMol». Este prototipo de estimación de aforos por presión serve, segundo explicaron os seus deseñadores na memoria presentada ao StemLab, para medir a velocidade da auga no curso dun río, e así poder medir o caudal dun curso fluvial, aplicando diversos cálculos e dispositivos.
O «PeixeMol», o prototipo de estimación de aforos por presión deseñado polo alumnado do IES Daviña Rey, e presentado no StemLab Galicia. (Foto cedida).
EXPLICACIÓN DO PROTOTIPO AO ASTRONAUTA PEDRO DUQUE
Na xornada educativa StemLab Galicia, os alumnos do IES Daviña Rey realizaron unha presentación deste prototipo ao público que visitou o seu stand. Un dos que se achegou ata o PeixeMol foi o astronauta español Pedro Duque, que escoitou as explicacións dos estudantes monfortinos, acompañado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
O prototipo «PeixeMol» forma parte do proxecto HydrAula, co que o IES Daviña Rey desenvolve o traballo por proxectos, dentro do programa Proxecta, da Consellería de Educación. De feito, e segundo explican os autores do prototipo na documentación que o acompaña, este proxecto permítelles empregar unha metodoloxía que combina recollida de datos in situ e posterior estudo e análisis na aula. Ademais, facilita a concienciación sobre os recursos de auga, e a posta en prática de coñecementos e estratexias aprendidas en varias materias. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O monfortino Manuel Hernández, subcampión galego absoluto de golf

Seguinte Nova

Viños e románico enchen Pantón de festa, cultura e tradicións

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: